Friday 22 de November de 2024

O 5 de setembro ábrese o prazo de preinscrición nas actividades programadas pola rede de centros socioculturais para a temporada setembro-decembro 2022


A rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago programou, para esta nova tempada de setembro a decembro, 394 actividadades repartidas polos 45 centros que existen tanto na zona urbana como no rural. Son, en total, 3.967 prazas para unha proposta programática acorde coa demanda da veciñanza, que ten como obxectivos estimular a vida comunitaria e a participación social. A apertura do prazo de preinscrición para participar nas actividades do último trimestre do ano, comeza o luns, día 5 e remata o 20 de setembro.

A programación caracterízase pola súa diversidade, ao chegar aos distintos territorios que conforman o municipio (barrios e parroquias); e polas propostas singulares que se dan en cada un deles. Neste programación intégranse tanto as achegas do propio concello, a través do departamento de Centros Socioculturais, como as propostas doutras concellarías e de entidades veciñais, culturais e sociais, que tamén dotan aos centros dunha diversidade singular.

Este ano prográmanse 172 actividades pagadas, de 49 modalidades distintas; con 1.867 prazas. O resto, 220 actividades, son de balde, e comprenden outras 3.000 prazas a maiores. A maioría das actividades de pago diríxense ao público adulto e sénior, sendo as do público infantil as que recollen a maior gratuidade, de modo xeral.

Programa

En canto aos contidos, na nova programación destacan as actividades de sendeirismo, con propostas como “Pateando Santiago”, que comprende oito rutas polos montes de Compostela; o “Camiño Francés” en cinco etapas; ou a “Marcha nórdica”, unha das novidades desta tempada, con tres quedadas para iniciar, consolidar e, a continuación, facer unha ruta. E tamén “Regos e regatos, sendas e recunchos máxicos por percorrer”, con dúas saídas polos Regatos do Corgo e o Rego do Salgueiro.

Tamén se van reforzar os espazos de envellecemento activo con actividades para persoas maiores de 60 anos, un dos colectivos que máis sofreu o illamento da pandemia; retomando encontros, saídas culturais, visitas e encontros con outros grupos de maiores, que no Ensanche se denominará “Escola popular”. Ademais, vanse retomar, paulatinamento, as actividades destinadas a estimular a vida saudable a través do movemento en distintos barrios e parroquias, con 19 grupos constituídos.

Tamén ocupa un lugar destacada a abordaxe, a través das novas tecnoloxías, de competencias dunha cidadanía dixital. Competencias, por exemplo, para manexarse coa administración electrónica, comunicación por videochamadas ou videoconferencias; ou acceso e manexo pola cidade con Google maps. E para os máis exploradores, este ano a programación contén tamén actividades relacionadas co maker, deseño 3D ou edición de vídeo e audio.

En paralelo, continuarán outras propostas ben acollidas en anos anteriores, como os clubs de lectura, xadrez, teatro, as actividades de estimulación da creatividade (pintura, manualidades, etc.), as e actividades propias das aulas de xogo e dos espazos de lectura da Biblioteca José Saramago dos Centros Socioculturais.

Ademais neste trimestre inclúense na programación 17 espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Coruña, con dúas representacións do festival Agustín Magán no Centro Sociocultural de Santa Marta: Fega Teatro, que contempla distintas actuacións da Federación Galega de Teatro Afeccioado (FEGATEA) e coa prensenza nos centros do XXVII Festival Internacional de Títeres, que contempla 13 actuacións.

Preinscrición

Este curso, e como novidade, a preinscrición poderase facer como un novo trámite a través da administración electrónica do Concello de Santiago e tamén presencialmente.

Na sede electrónica a persoa usuaria atopará o formulario para cumprimentar o seu apuntamento inicial na actividade, e logo deberá agardar ao remate do prazo para o día 21 de setembro preguntar no Centro Sociocultural no que se anotou se obtivo a praza; xa que no caso de que a demanda supere a oferta, se realizará un sorteo.

O 27 de setembro formalizarase definitivamente a inscrición. A data límite para realizar o pagamento é o 10 de outubro. As actividades, de modo xeral, comezarán o 3 de outubro.

Estableceranse as seguintes vías para a presentación da solicitude:

Presencial: O formulario poderá solicitarse en calquera Centro Sociocultural ou ben descargarase da Sede electrónica. Unha vez cuberto poderá presentarse en calquera Centro sociocultural, sendo este quen o enviará ao Rexistro Xeral do Concello.

Rexistro electrónico: a través da sede electrónica seleccionando a unidade tramitadora “C06.01.01 Centros Cívicos” e o trámite “Participación en actividades da Rede de Centros e Locais Socioculturais”.

A presentación de solicitudes poderá realizarse fóra do prazo ordinario manténdose aberto ata a finalización do curso. Neste caso as prazas vacantes e a correspondente lista de espera iranse cubrindo por estrita orde de presentación.

As prazas adxudicaranse de acordo ao resultado do sorteo, xunto coa lista de agarda, ordenada segundo a orde establecida tras o sorteo.
As persoas que unha vez seleccionadas renuncien á súa praza, deberán presentar “Comunicación de renuncia á actividade” (trámite CC003), indicando o Centro que imparte a actividade. A renuncia expresa á praza non implica a devolución das taxas aboadas.
No caso de suspensión de actividades, por causas de forza maior, a persoa usuaria terá dereito a participar nas propostas en liña (sempre que se solicite) ou a solicitar a devolución da parte proporcional do aboado pola actividade. Non se contemplan neste procedemento as actividades organizadas polas Asociacións.

Toda a información está dispoñible nos centros socioculturais e a través da páxina web www.santiagodecompostela.gal