Friday 22 de November de 2024

Camariñas deseña unha completa programación de actividades deportivas, culturais e sociais para o curso 2022/2023


· A oferta inclúe propostas para todas as idades e o prazo de inscrición abrirase do 12 ao 30 de setembro.

· “Ademais da variedade da programación, fixemos un gran esforzo para sacalas con tanta antelación co obxectivo de favorecer a organización e conciliación das familias”, explica Sandra Insua.

O Concello de Camariñas ofertará para o curso 2022/2023 unha completa e variada programación de actividades deportivas, culturais e sociais, con propostas para todas as idades, tanto para os máis pequenos como para os maiores, que se desenvolverán en diferentes sedes de todas as parroquias do municipio.

Para adultos a oferta inclúe clases de Encaixe de Camariñas (Palilllo), ximnasia de mantemento, Relaxgym, Pilates, Ioga, Rutas BTT, Concello Activo Sénior (destinado a persoas con dificultades físico-motoras que teñen que ser derivadas polo médico de cabeceira), e o taller de memoria.

Para os nenos e nenas a programación incorpora: Escolas de Palillo, Taller de Arte, +EF Concello Activo (para reforzar a mellora da condición física e saúde), Escola de Fútbol Concello de Camariñas Juan Cabrejo, Escola de Balonmán do Club Balonmán Camariñas, Actividades Náuticas, Xadrez, Rutas BTT, Iudo e Tenis de mesa.

Ademais, hai música e baile para todas as idades con: Música Moderna (Música e movemento, Linguaxe musical, Guitarra, Piano, Batería e Canto/técnica vogal), Música Tradicional (gaita, acordeón, bombo, tambor e pandeireta), Danza coreográfica, Baile en parella, Baile moderno, Baile galego e o coro municipal.

O prazo de inscrición irá do 12 ao 30 de setembro. As inscricións presentadas irán fora de reserva. Para máis información, na biblioteca municipal, no despacho de Deportes ou na sede electrónica municipal. O inicio das actividades está previsto para o 3 de outubro en función do horario que se indica no folleto.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explica que “ademais da variedade da programación, este ano tivemos que facer un gran esforzo para sacalas con tanta antelación co obxectivo de favorecer a organización e conciliación das familias”.