Friday 22 de November de 2024

Trenor anima aos veciños e visitantes da Costa da Morte a asistir ao espectáculo de Susana Seivane, este venres en Cee, incluído nos concertos do Xacobeo


― O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na presentación deste concerto, acompañado pola artista Susana Seivane, que se celebrará na praza do Concello a partir das 22.00 horas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado por Susana Seivane, presentou, esta mañá na Casa do Concello de Cee, o espectáculo que esta artista galega ofrecerá, o próximo venres, na praza do Concello, a partir das 22.00 horas, incluído dentro do ciclo de “Concertos de Xacobeo”.

O representante do Goberno galego apuntou que os veciños e visitantes de Costa da Morte terán unha gran oportunidade para divertirse neste evento musical dunha das artistas galegas máis recoñecidas do panorama folk internacional. Trenor recalcou que “a súa maneira excepcional de entender a gaita e o seu virtuosismo fan que sexa un referente da música galega que sempre sorprende nos seus concertos e nos que a proximidade co público sempre está presente”. Neste senso, incidiu en que “lonxe de perder o aire auténtico dos antigos gaiteiros, reivindica a súa tradición e ábrea ás influencias doutras músicas, incorporando tamén a súa persoalísima voz”.

O delegado da Xunta destacou que “coa ampla programación do Xacobeo estamos vivindo experiencias musicais únicas e nesta ocasión o Concello de Cee converterase no epicentro do folk galego coa nosa artista máis universal”. Trenor incidiu en que “con esta programación, que chega a todos os rincóns da provincia, estamos vivindo experiencias musicais únicas”. “Con estas iniciativas a Xunta busca darlle á música o mesmo carácter universal e, xa que logo, descentralizado que é consubstancial ao propio espírito Xacobeo” apuntou

O representante do Goberno galego rematou mostrando a súa confianza en que “este concerto supoña un enorme revulsivo para todos os profesionais da cultura e, por extensión, do conxunto da economía neste comarca”.