Saturday 16 de November de 2024

Alcalde, presidente dos empresarios e patrón maior de Riveira analizan a ampliación do chan industrial


O alcalde Manuel Ruiz mantivo no día de onte unha reunión co presidente da Asociación de Empresarios de Riveira, Antonio Miranda, e co patrón maior da Confraría de Pescadores San Pedro de Riveira, José Antonio Pérez, para analizar algúns dos temas de interese municipal, caso da ampliación do chan industrial e do novo mercado.

Ruiz Rivas deu a coñecer aos alí presentes que será levado ao próximo pleno ordinario de setembro o inicio do expediente para a ampliación do solo industrial nos termos explicados hai unhas semanas aos voceiros dos grupos políticos da Corporación. A este respecto, a alternativa pola que se decanta o Concello é a de desenvolvemento e execución dun novo polígono na marxe norte da autovía, ao oeste da estrada CP-3610, nunha zona de carácter forestal situada nas inmediacións da Carballa.

Esta nova área industrial tería unha superficie aproximada de 105.000 metros cadrados, estimándose o custe de execución da primeira fase do proxecto en 4,3 millóns de euros.

Novo mercado
Outro dos temas analizados teñen que ver co novo mercado e, máis concretamento, co interese do colectivo empresarial en que a parte a zona do edificio dedicada aos usos tradicionais teña un uso exclusivamente gastronómico e que unha das plantas estea dedicada á exaltación, promoción e formación para a posta en valor deste sector.

Por último, tamén se analizou a conveniencia de que a Asociación de Empresarios estea representada no Consello Sectorial de Pesca, algo que será abordado na vindeira reunión deste órgano, que se celebrará presumiblemente o vindeiro xoves.