Friday 22 de November de 2024

Representantes do BNG na comarca de Ferrolterra reúnense coa Dirección do SEPRONA


· A reunión solicitada polo BNG tratou a protección das Fragas do Eume e do río Xuvia.

· Tamén se tratou a denuncia presentada por un particular contra a empresa SOGARISA das Somozas

A deputada provincial, María Muíño; o tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela; e o deputado no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, acudiron esta semana á Comandancia da Garda Civil na Coruña para reunirse coa Dirección Provincial do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA).

Na reunión, a representación comarcal do BNG interesouse pola actividade do SEPRONA en relación coa protección de espazos protexidos de grande valor ambiental na nosa comarca, como o Parque Natural das Fragas do Eume ou o LIC Xuvia – Castro, e nomeadamente polos procedementos e medios que teñen á súa disposición para realizar as investigacións das agresións que estes espazos sufriron nos últimos tempos.

Tamén se trataron sobre a denuncia presentada por un particular das Somozas contra a empresa SOGARISA por provocar a contaminación de varias parcelas próximas ás súas instalacións, empregadas para forraxe do gando, e que vén sendo obxecto de denuncias de xeito reiterado sen que a empresa teña modificado as operacións que provocan esta contaminación.

Sobre este último asunto, a Dirección do SEPRONA informou que o proceso está xa xudicializado (Xulgado nº3 de Ferrol), e pendente do pronunciamento da Fiscalía.