Saturday 16 de November de 2024

Rueda anuncia que a Xunta vai mobilizar máis de 17 M€ en axudas directas, extraordinarias e áxiles para apoiar ao sector cárnico ante a crise de prezos


Subliña que grazas a un acordo coas entidades financeiras os produtores poderán recibir estas contías de inmediato, ata o 15 de setembro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai mobilizar máis de 17 millóns de euros en axudas directas, extraordinarias e áxiles para apoiar ao sector cárnico ante a actual crise de prezos, agravada pola guerra de Ucraína.

Nunha visita a unha explotación de vacún de carne en Trazo, Rueda explicou que este novo apoio, agardado polos produtores, actívase en metade dunha notable suba dos custos para un sector que é unha fonte de emprego e actividade no rural.

Nese contexto, o mandatario autonómico resaltou a dilixencia no reparto dos recursos xa que, logo de chegar a un acordo coas entidades financeiras, e unha vez publicada a convocatoria o pasado 29 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), os produtores poderán solicitar e recibir estas contías de inmediato, ata o 15 de setembro, a custe cero para os beneficiarios. “As explotacións precisan auxilio rápido nestes momentos, e vano ter”, subliñou.

Esta nova inxección de liquidez significa que a Xunta incrementa nun 46% os apoios do Estado destinados ao vacún de carne, a través dun orzamento de 14,6 millóns.

Ao tempo que recalcou que os gandeiros poden contar coa axuda do Goberno galego, Rueda fixo referencia as pasos dados ata o momento en favor do sector cárnico, como o protocolo de entendemento histórico asinado en marzo entre todos os elos da cadea de valor para frear a venda a perdas; ou o deseño da Estratexia de dinamización do sector da carne, chamada a dar un novo pulo á produción.

Máis apoios ao sector
Cómpre lembrar, ademais, outras iniciativas encamiñadas ao impulsar o sector, como os 200 millóns en adiantos das axudas da PAC; a liña de financiamento de circulante para explotación de gando bovino –dotada con 5 millóns, que pode alcanzar os 25 millóns en préstamos concedidos—, e os 1,4 millóns –a metade correspondentes a fondos da Xunta- activados en colaboración coa indicación xeográfica protexida Ternera gallega para promocionar a nivel nacional o selo Ternera Gallega Suprema.

Finalmente, o titular do Executivo autonómico incidiu na responsabilidade das Administracións á hora de estar o carón das actividades que fixan poboación no rural e promovendo a remuda xeracional no sector gandeiro.