A Gran Festa Infantil Cidade de Narón organizada polo Concello e coa que cada ano se celebra o remate do verán retómase tras dous anos suspendida pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. A concelleira de Festas, Natalia Hermida, anunciou que a cita terá lugar este sábado, día 3 de setembro, no parque de Freixeiro. “Todas as nenas e nenos que se acheguen poderán desfrutar dunha completa xornada con diferentes propostas que se sucederán ao longo da mañá e da tarde”, indicou Hermida.
Unha festa “holi”, outra da escuma, inchables acuáticos, un circuíto de karts, un inchable xigante e pintacaras forman parte das prospostas organizadas para a ocasión. “Todas estas propostas son de balde, polo que poderán desfrutar de todas elas nos espazos habilitados no parque de Freixeiro en horario de 12.00 a 14.00 e tamén pola tarde, de 16.00 a 20.00”, asegurou Hermida.
A concelleira naronesa animou ás veciñas e veciños de Narón “a achegarse este sábado ao parque de Freixeiro para desfrutar dunha xornada de diversión que suporá o colofón final na cidade á tempada estival, xusto antes de que as nenas e nenos regresen ás aulas para iniciar o novo curso escolar”.