A agrupación artística Lucero del alba organiza este 2 de setembro, a XXIII Festival da Canción Mariñeira. Deste modo, Neda recupera, tras dous anos de ausencia por mor da pandemia, este arraigado encontro, protagonizado por rondallas de Ferrolterra, que busca conservar e espallar a música e as cancións que están na orixe mariñeiro da vila.
O Paseo marítimo de Xubia encherase este venres de música dende a tardiña. A partir das 19.30 horas, arrinca esta cita musical, que conta coa colaboración do Concello de Neda. O certame, conducido por María Porto, contará desta volta coa participación de Só elas, a popular rondalla feminina de Ferrol; a rondalla Entrelecer do Círculo mercantil e industrial de Fene e, como non, a agrupación anfitrioa, a nedense Lucero del Alba.
Na súa edición número 23, a proposta do festival complétase, tras a actuacións das rondallas, cunha degustación de mexillóns (serviranse acompañados pan e bebida por 5 euros) e coa animación musical a cargo de Los culpables.
Dende o Concello de Neda animan aos veciños e veciñas de toda a comarca afeccionadas ás habaneras e outras composicións de inspiración mariñeira a achegarse a Neda para desfrutar de boa música.