O proxecto, orzamentado en case 60.000, ten un prazo de execución de catro meses e inclúe o arranxo dos accesos á instalación
O Concello de Frades está a licitar un proxecto de mellora da accesibilidade no edificio multiúsos de Cimadevila, orzamentado en 59.950 euros e que conta cunha subvención da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia. “A intención é colocar un ascensor e arranxar os arredores do multiúsos para así mellorar a súa accesibilidade e facilitar o acceso á planta alta de persoas con mobilidade reducida”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Obras, Manuel Ferreiro Marzoa.
O proxecto, que se atopa na derradeira fase da súa licitación, prevé a instalación dun elevador que dea acceso á primeira planta do centro multiúsos. Será un elevador eléctrico, sen cuarto de máquinas, cunha cabina dun metro de ancho e 1,25 metros de profundidade, polo que será un elevador practicable segundo a normativa autonómica e accesible segundo o código técnico da edificación.
Por outra banda, preténdese acondicionar o pavimento exterior do multiúsos para nivelalo e garantir o acceso ao edifico en condicións accesibles. Para iso, estenderase un pavimento de formigón impreso sobre o pavimento actual. As obras teñen un prazo de execución de catro meses.
Con esta actuación, o Concello de Frades completa o equipamento do edificio multiúsos, onde se xuntan servizos como a biblioteca municipal, a sala de estudos, a aula de informática con 16 ordenadores con conexión a Internet a alta velocidade, unha aula par cursos formativos (con capacidade para entre 15 e 25 persoas), outra aula para actividades con capacidade para ata 100 persoas (e que se pode dividir en dúas salas independentes) e o museo de apeiros de labranza.