Saturday 16 de November de 2024

As bancadas do estadio municipal da Alta locen a bandeira do Orgullo


O Concello da Pobra do Caramiñal vén de impulsar unha nova acción para o fomento da igualdade e a visibilidade da diversidade no ámbito deportivo. Así, as bancadas do estadio municipal da Alta locen de maneira permanente as cores da bandeira do Orgullo. Preténdese facer fincapé na vinculación dos valores do deporte e a igualdade nun espazo moi concorrido por distintas xeracións. “Promover valores de empatía, solidariedade e respecto ás persoas” son os obxectivos, tal e como incide a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), ademais da importancia de “dar visibilidade á diversidade sexual e que esta sexa respectada e entendida.”

A súa homóloga dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explica que se trata dunha actuación focalizada “na promoción dunha actitude de respecto no deporte e dar visibilidade a un dos dereitos humanos como é a diversidade sexual.” Engade que “pensamos que ter a bandeira de forma permanente nunha instalación municipal e promover este tipo de actitudes é do máis apropiado.”

Ámbalas edís indican que non se trata dunha acción meramente simbólica; senón que se suma á serie de iniciativas postas en marcha pola Administración local para sensibilizar e educa-la sociedade neste aspecto.