Friday 22 de November de 2024

O concello mellora a estrada e a rede de pluviais en O Vilar, na parroquia de Erboedo


O investimento total alcanza os 200.000 euros entre todas as intervencións en execución e as xa rematadas.

Continuando co plan de mellora e mantemento da rede viaria municipal, o Concello ten actualmente en fase de execución dous proxectos que inclúen unha serie de intervencións que afectan a estradas localizadas en núcleos de varias parroquias, sendo tres delas en Erboedo.

Nesta mañá realizouse a pavimentación da vía do lugar de O Vilar, onde tamén foi mellorada a rede de recollida de pluviais, A ese lugar acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, para comprobar o resultado das obras.

A continuación realizaranse actuacións tamén de mellora da superficie de rodadura en Cendón, da mesma parroquia, así como en O Toural e Longra pertencentes a Coiro.
Paralelamente, outro punto de actuación en Erboedo que está en execución é a estrada de Vilarmaior, onde a ampliación da plataforma da calzada implica a construción dunha escollera dunha lonxitude superior aos sesenta metros.

Todas estas intervencións forman parte dos proxectos que tamén incluíron a mellora da rede viaria na estrada entre Requende e A Calvela (Golmar), en A Porta Santa (Lestón) e en Cumiáns e A Fieira (Montemaior). O investimento total alcanza os 200.000 euros.