Friday 22 de November de 2024

As cores da Artesanía Galega locen no Mundo pola arte dunha retornada apoiada pola Xunta


— O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, coñeceron hoxe a iniciativa dunha retornada do Reino Unido que crea vidreiras e recibiu 8.000 euros a través das axudas de emprendemento deste departamento autonómico

— A liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que este ano chega ata os 10.000 euros, continúa aberta ata o 30 de setembro

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello de Ribeira para, en compaña do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas, coñecer o proxecto empresarial dunha galega retornada do Reino Unido que puxo en marcha un obradoiro de creación de vidreiras neste concello do Barbanza.

María Goretti Bello Seráns contou cunha axuda de 8.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor co obxectivo de poñer en marcha esta nova iniciativa denominada Arlequina Diseño, un estudo onde a artista, nada en Australia pero de familia galega, deseña e executa vidros esculturais traballando coa cor e o simbolismo, co obxectivo de crear unha enerxía de benestar dentro dos espazos a través da luz.

Bello Seráns retornou de Reino Unido en 2020 e solicitou a liña de Axudas ao Retorno Emprendedor da Secretaría Xeral da Emigración. Precisamente, o secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar que esta liña de axudas continua aberta ata finais de setembro, cun orzamento que en 2022 rolda o millón de euros. “De feito, este ano aumentamos a dotación da mesma, e os interesados poden chegar a recibir ata 10.000 euros, co obxectivo de colaborar coas persoas emigrantes galegas retornadas para que poidan exercer a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, promovendo o autoemprego”.

O secretario xeral destacou a labor desta artista que “leva as cores da artesanía galega por todo o mundo, xa que conta con clientes dos cinco continentes, sendo un exemplo do bo facer dos emprendedores galegos”.

As axudas serán de 6.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural).
En 2021 a provincia da Coruña contou con 57 beneficiados por estas axudas. Na comarca do Barbanza, beneficiáronse 3 galegos retornados, un na Pobra do Caramiñal e dous en Ribeira.
Desde a posta en marcha deste programa, foron case 600 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.
Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.