Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade despois do parón estival. Dende o Concello de Carballo queremos seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen unha canle fundamental.
As reunións estiveron paralizadas durante a pandemia, pero este ano retomámolas coa intención de mantelas sen interrupcións. Este ano as sesións celébranse os martes e os xoves ás 20.00 horas. O calendario provisional para o mes de setembro é o seguinte:
Día 6, Oza
Día 8, Sofán
Día 13, Aldemunde
Día 15, Razo
Día 27, Cances
Día 29, Artes
Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que a veciñanza participa de xeito directo, xa que as reunións son abertas, e indirecto, posto que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas veciñais para recoller as propostas que despois serán trasladadas ao Concello de Carballo.
Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.