O Concello programou, a través da área de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, dous obradoiros de robótica, un deles dirixido a menores de 8 a 11 anos e outro para os de 12 a 14. O prazo de inscrición nesta actividade abrirá o vindeiro xoves, 1 de setembro, podendo tramitarse ata o 23 do citado mes, incluído. Taibo explicou que as sesións se impartirán na Casa da Mocidade, entre os meses de outubro deste ano e maio de 2023 en horario de tarde, en función de cada convocatoria.
A edil naronesa indicou que no caso dos obradoiros para infancia (8 a 11 anos) se ofertan un total de 20 prazas, ata un máximo de dez por cada un dos dous grupos que se habilitarán, os luns de 16.00 a 17.30 ou ese mesmo día de 17.30 a 19.00 horas. Os conceptos básicos da programación por bloques, a creación de videoxogos en 2D, a programación de drons intelixentes, o funcionamento dos ordenadores e circuítos eléctricos e a construción e programación dun robot con Lego Wedo 2.0 interpretando planos forman parte dos contidos que se abordarán no obradoiro para infancia.
No caso do obradoiro de robótica educativa para adolescentes (12 a 14 anos), hai un total de dez prazas e as sesións serán os xoves de 18.00 a 19.30 horas. A construción e programación de robots utilizando sistemas de Lego Wedo 2.0 e Spike Prime, o funcionamento dun ordenador, conceptos básicos de programación por bloques, creación de videoxogos en 2D e programación de drons intelixentes son os contidos deste obradoiro.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da Sede Electrónica, do Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón. O alumnado deberá abonar unha taxa de 8,15 euros ao mes, a estipulada na ordenanza fiscal número 15, e terá preferencia o alumnado de centros públicos da cidade. As prazas, no caso de superar a demanda á oferta, concederanse a través dun sorteo público.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre estes obradoiros poden facelo a través do Servizo Sociocomunitario Municipal –no primeiro andar do Concello-, ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).
Taibo recalcou que “a través destas iniciativas ofrecemos unha proposta lúdica e didáctica sobre a tecnoloxía ás rapazas e rapaces que queiran afondar na área da robótica, sobre a que dende o Concello impulsamos outras actividades ao longo do ano e cunha gran acollida”.