O mural data dos anos 90 e atópase na relación de elementos patrimoniais do parque de Santa Margarida
O Concello da Coruña, a través da xefatura do servizo de Infraestruturas, comezou no día de hoxe os traballos de limpeza e conservación do mural en relevo da canteira, situado na zona do ensanche de Santa Margarida. O mural, obra do autor Leopoldo Nóvoa García, data de finais dos anos 90 e atópase na relación de elementos patrimoniais do conxunto do parque de Santa Margarida.
O mural é unha representación tanxible da importancia e o desenvolvemento do informalismo matérico na segunda metade do século XX, relacionándose con outros murais e relevos realizados en épocas anteriores en Sudamérica, como o do Cerro de Montevideo, realizado polo propio artista. Ademais, foi incluída polos profesores Antón Castro e Xosé Manuel García Iglesias entre as 100 obras mestras da arte galega.
O estudo previo aos traballos confirmou a necesidade de tratar as numerosas estruturas presentes no friso, utilizando diferentes tratamentos e técnicas dada a gran variedade de axentes de deterioro e de degradación presentes. Entre os traballos a realizar, destacan os de reacondicionamento da contorna do conxunto mural (camiño e explanada superior), a eliminación e control das plantas superiores (vexetación adventicia), a eliminación e control dos microorganismos (briofitos, fungos, algas e liques) e a limpeza de depósitos superficiais e elementos alleos, entre outros. Tamén está prevista a redacción dun plan de mantemento programado que axude a prever e previr todas estas situacións.
Co inicio das actuacións no mural de Leopoldo Nóvoa, o Goberno de Inés Rey avanza na súa aposta pola conservación e recuperación do patrimonio histórico da cidade. Esta actuación súmase ás xa realizadas nos emblemáticos xardíns de Méndez Núñez ou ás que se levaron a cabo no parque escultórico da Torre de Hércules, no conxunto “Ártabros” de Arturo Andrade ou na “Gran Guitarra” de Pablo Serrano.