A mediados de xullo comezou a limpeza de todas as pistas de monte
O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Os traballos, que se acometeron cos dous tractores, permitiron rozar as máis de 400 quilómetros de estradas no municipio.
“Dende principios de abril levamos rozado máis de catrocentos quilómetros de pistas, todas as asfaltadas e de todas as parroquias, algunhas delas dúas veces por coincidiren as festas”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, quen indica que “os eixos principais do municipio xa foron rozados entre dúas e tres veces”.
Agora, mentres un dos tractores dá unha segunda pasada polas pistas das parroquias, “dende o pasado 11 de xullo e ata o 15 de novembro, o outro tractor estará rozando as pistas de monte”, adianta o concelleiro. Nestes momentos, ese segundo tractor xa leva actuado sobre máis de cen quilómetros de pistas de monte.