Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a Feira do Moble de Galicia como a cita de referencia anual para o sector


A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, salientou na inauguración deste encontro que se celebra na Estrada ata o vindeiro 27 de setembro o impulso que supón para comerciantes e produtores

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou na inauguración da XIX edición da Feira Internacional do Moble de Galicia, que se celebra na Estrada ata o vindeiro 27 de setembro, que este encontro é un referente anual para o sector. Destacou así mesmo o impulso que supón tanto para comerciantes como para produtores, contribuíndo á dinamización económica da comarca.

O encontro, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, reúne preto de 70 firmas directas e preto doutras 250 indirectas en máis de 26.000 m2 de espazo expositivo. Na Feira do Moble de Galicia, en cuxa inauguración participou tamén o secretario xeral de Polítiga Lingüística, Valentín García, van da man innovación, deseño e calidade, achegando as últimas tendencias en mobles, iluminación, decoración, artesanía, ou menaxe, entre os diferentes subsectores que este ano están representados. Nesta edición, a Feira conta co distintivo de Internacional, outorgado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

No marco deste encontro, responsables do Igape participarán o martes 22 de setembro a partir das 11 horas nunha xornada técnica centrada en instrumentos de financiamento para as pemes galegas. Ademais, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria contará cun espazo propio durante toda a Feira, no que se achegará información sobre os distintos servizos e axudas dispoñibles.

A entrada á Feira do Moble de Galicia é gratuíta, e o recinto feiral permanecerá aberto cada día entre as 11 e as 21 horas, contando con programación paralela como actividades lúdicas, ou actuacións artísticas, entre outros. Ademais, sortearanse bonos de compra e agasallos entre os asistentes.