O novo contrato contempla o aumento progresivo das horas de asistencia prestadas, co que se poderá atender a máis veciños
O Concello de Neda ten aberta a licitación do servizo municipal de axuda no fogar. Trátase do principal programa municipal en materia sociosanitaria, e sae a concurso por 1,3 millóns de euros ao ano. O novo prego de condicións inclúe melloras na atención, e o progresivo aumento de horas de asistencia prestadas durante o próximo cuadrienio, o que permitirá incorporar, de maneira progresiva, a máis persoas usuarias.
O goberno de Ángel Alvariño prevé adxudicar este outono o novo contrato por dous anos, prorrogable por outros dous, de tal maneira que a empresa que resulte adxudicataria poida empezar a traballar o 1 de xaneiro do 2023. O importe máximo que percibirá polo primeiro ano será de 1,29 millóns €, contía que se irá incrementado, en paralelo ao aumento das horas de atención, ata 1,39 millóns de € do último exercicio de vixencia.
O SAF é o servizo máis importante desde o punto de vista económico de cantos xestiona o Concello e desempeña un papel crucial na asistencia a veciños e veciñas con problemas de autonomía persoal, axudándoos na realización das actividades básicas da súa vida diaria e no coidado da súa vivenda, e exercendo ademais un labor de acompañamento para que poidan permanecer o máximo tempo posible nos seus fogares.
Na actualidade, o SAF de Neda atende, nas súas modalidades de dependencia e básica, a máis de 200 familias. Unha cifra récord -superior en proporción á das principais cidades galegas- que, como apunta o rexedor municipal, Neda quere seguir ampliando. “Resulta prioritario que os nosos maiores- principais demandantes do servizo- estean ben atendidos”, subliña o alcalde.
O aumento previsto do volume de traballo esixirá a incorporación dunha terceira/o asistente social dedicado ás tarefas de coordinación, e o incremento de horas daquelas empregadas contratadas a tempo parcial. A plantilla conta na actualidade con máis de 60 auxiliares, que seguirán prestando o servizo. Finalmente, a empresa deberá incluír tamén na súa oferta a aportación dunhas axudas técnicas mínimas: 10 guindastres de mobilización ao ano, 15 camas articuladas ao ano, ademais de cadeiras de ducha, cadeiras de rodas, muletas e andadores.
As firmas interesadas en facerse co contrato municipal teñen de prazo ata o próximo 12 de setembro para presentar as súas ofertas.