Hoxe tocou percorrer os concellos do interior: San Sadurniño, Moeche e Cerdido. O británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Goso mantiveron ao longo da xornada varios encontros con entidades do territorio alternados con visitas a lugares destacados pola súa xeoloxía, pola súa paisaxe, polo seu patrimonio ou por tratarse de iniciativas de desenvolvemento local.
A primeira parada foi no vértice xeodésico de Racamonde, en Naraío, onde o Concello de San Sadurniño creou un pequeno espazo de interpretación ao aire libre que permite divisar case a totalidade do ámbito do proxecto de xeoparque, ademais estar integrado na zona granítica do Forgoselo e a súa litoloxía totalmente diferente á do resto do territorio aspirante ao distintivo Unesco.
Desde alí a expedición, guiada por Fran Canosa, Secundino García e José Miguel Alonso Pumar, baixou ao castelo de Naraío para mostrarlles aos avaliadores a fortaleza e parolar un pedazo con César Galdo, da Asociación Veciñal O Castelo, unha das que leva máis anos dándolle difusión ao proxecto, no que proximamente se integrará como “Entidade Amiga”.
Logo dunha pequena visita á área de descanso de Igrexafeita -lugar no que a Goso e a Woodley-Stewart lles chamou a atención o hórreo que hai alí instalado-, a misión avaliadora trasladouse á Casa do Concello para manter un encontro con colectivos e empresas relacionadas dun xeito ou doutro co desenvolvemento local e sociocultural.
Foi o caso do proxecto Chanfaina Lab encabezado polo académico Manolo González, das artesás das Tres Lolas da Cascarilla -que fan bonecas con plana do millo-, da Asociación Agroecolóxica A Cortiña -presidida por Xosé María García-, da firma de galletas ecolóxicas Maruxas de Nata -á xuntanza veu a súa responsable, Sandra Suárez- e da Asociación da Froita Autóctona do Eume, da que é membro o concelleiro de Desenvolvemento local Manolo Varela, quen aproveitou para explicar o contido da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (auténtico banco de variedades do país que calquera pode solicitar para plantar ou enxertar) e do Arboreto da Cortiña, que reproduce todos os tipos de bosque galegos, ademais de ser espazo de lecer que acolle feiras e outros eventos.
Na contorna da casa consistorial, os avaliadores tamén puideron aprezar os usos da serpentina (o toelo) como rocha ornamental moi empregada nas construcións máis antigas en linteis, escaleiras, cruceiros e mesmo como baños para salgar e conservar os produtos da matanza.
Desde San Sadurniño, o equipo avaliador marchou a Moeche para acceder a Mina Piquito II. Acompañados pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, por Fran Canosa e polos profesores de xeoloxía da UCM Ricardo Arenas e Sonia Sánchez, os representantes da Unesco accederon ás galerías da antiga explotación de material rico en cobre, que se mantivo aberta até case os anos 70 do século pasado. No interior atendéronlle ás explicacións de Canosa sobre as vetas con presenza de cobre, orixinadas polos materiais emanados a máis de 300 graos centígrados por fumarolas volcánicas submarinas.
Porén, ademais das explicacións técnicas do xeólogo, os avaliadores tamén puideron coñecer o traballo na mina cando estaba aberta, gracias á memoria de Gerardo Dopico -Gerardo da Ribeira-, de 76 anos, que tamén participou na ruta e que entrou traballar alí sendo un cativo de 15 anos, primeiro no lavado do mineral e logo na propia Mina Piquito II -tamén coñecida como Mina Santa Marta-, antes de emigrar a Francia.
Tras máis de medio século abandonada, hoxe a mina é un espectácular espeleotema de estalactitas e estalagmitas azuis e marróns, ademais de mostrar acumulacións de xeso e xofre que semellan doutro planeta. Por este motivo, Mina Piquito está proposta para entrar no catálogo de novos Geosites -lugares dunha grande relevancia xeolóxica- do IGME.
Esta visita foi a última parada da mañá e, trala paréntese do xantar, a misión retomou a avaliación achegándose ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Alí agardaban Iria Pena, da Gandaría Ecolóxica Lavandeira, Virtudes Méndez, da queixaría Lácteos Moeche e Isita Fernández Durán, do GDR Seitura 22, entidade xestora de fondos europeos de desenvolvemento rural que financiou a merca de equipamento, mentres que a Deputación da Coruña cubriu os custes do 80% das obras.
A guía foi neste caso a veterinaria Pilar García, formadora do centro, quen explicou tanto o deseño das instalacións como o tipo de produto que xa se está elaborando, principalmente zumes e conservas de froita e horta, en espera de que entre en funcionamento a liña dedicada ao mel. A Fusquenlla é un proxecto integrado na rede provincial de espazos colaborativos e está promovida polos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, os catro integrantes tamén do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. Antes de marchar ofreceuse unha degustación -igual que se fixera pola mañá en San Sadurniño- a base de queixo, zume de mazá e distintas compotas en conserva.
Desde A Fusquenlla, situada no recinto feiral de San Ramón, a misión de avaliación baixou ao val de Moeche para visitar o castelo, que proximamente acollerá un centro de interpretación do proxecto de xeoparque. Alí, tras unha breve descrición do técnico de Turismo, Ramón Carballeira, houbo un novo encontro con entidades veciñais e culturais do municipio, todas elas xa integradas no proxecto como “Entidade Amiga”. Na xuntanza participaron Xaquín Ros (AVV Val de Moeche), Eva Quetti (AVV Labacengos), Vanessa López (AVV Balocos), Alexandre Campos (AC Irmandiños). Tamén asistiu Mari Luz Umia, de Alalá Turismo, que é unha empresa local centrada nas experiencias culturais que ademais tamén ten previsto entrar dentro de pouco na actividade dos aloxamentos turísticos.
O remate desta intensa xornada produciuse en Cerdido para comentar o pasado mineiro do cobre compartido con Moeche. Alí visitouse a cheminea das Cabanas, que data de finais do século XIX como vestixio do sistema extractivo por calcinación empregado até que se impuxo o sistema de flotación con produtos químicos -entre eles o cianuro-, moito máis rendible e tamén perigoso e contaminante, tal e como quedou demostrado na vertedura que se produciu ao río Xubia nos anos 60 pola rotura dunha das balsas de Mina Piquito, o que supuxo a pequena escala un desastre ecolóxico similar ao ocorrido na mina sevillana de Aznalcóllar en 1998.
En Cerdido, na compaña do rexedor municipal Benigno Galego, Chris Woodley-Stewart e César Goso remataron a rolda achegándose aos campos de arandos de Horticina, onde os atendeu o seu responsable, Miguel Mato.
E este martes, terceiro día de avaliación, a misión da Unesco volverá á zona costeira. Empezarán a primeira hora no litoral volcánico de Loiba e Espasante, logo achegaranse a Ortigueira e cara ao mediodía estarán en Cariño. A primeira hora da tarde está previsto un encontro en Cabo Ortegal con representantes de todas as institucións implicadas directa ou indirectamente co proxecto: os concellos integrantes da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño-, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.