Ademais, a proposta do BNG conseguiría que as propiedades dos veciños non perdan valor.
O BNG de Arteixo presentou as súas alegacións ao proxecto da infraestrutura de evacuación do parque eólico Monteagudo, que inclúe a instalación de liñas de alta tensión (LAT) e que afecta termo municipal de Arteixo, así como a Carballo e A Laracha.
Na alegación número 12, o BNG de Arteixo fai a súa proposta alternativa ao proxecto: traer a enerxía creada desde a subestación de Monteagudo ata o parque empresarial da Laracha, que viría soterrado polas DP 1909 e DP1913 ata atoparse coa AG55, de aproximadamente 4 km. De aí, continuaría ata Morás (Arteixo) pola AG55 ata chegar á subestación de Morás, cun percorrido de 6 km. Polo tanto, serían 10 km en total.
Unha segunda posibilidade a este trazado proposto no proxecto sería cambiar a altura do apoio 22 e achegalo á AG55, para así xuntar as infraestruturas. Deste xeito, o impacto visual sería menor e incluso as propiedades particulares non perderían valor. O BNG lembra que nesta opción se eliminarían os tramos soterrados de Monte Aciveira e de Loureda, ademais da perforación do río de Arteixo.
Nos informes do proxecto fálase de interese xeral pero en ningún caso se comenta a perda de valor de mercado das propiedades ao redor das LAT e non se menciona o lucro das empresas produtoras de enerxía que, como indican todos os estudos, é o verdadeiro obxectivo da creación de ditos parques e as LAT de evacuación.
O BNG insta á veciñanza a presentar as alegacións redactadas polo grupo municipal para loitar pola protección do territorio, dos nosos recursos, do patrimonio e do medio ambiente. Este xoves, 1 de setembro, remata o prazo para poder presentar alegacións sobre a instalación do parque e as liñas de alta tensión en Arteixo e pode facerse de xeito telemático ou presencial, nun rexistro da Administración.