Friday 22 de November de 2024

O Concello asinou os convenios de colaboración con Asotrame e a Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra


O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, asinou os convenios de colaboración coa Asociación Gallega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame) e a Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra, representadas polos seus respectivos presidentes, Cristina Piñeiro e Miguel Fraga. O Concello destinará á renovación destes dous acordos unha partida que ascende en conxunto a 5.000 euros, tal e como indicou Sánchez Fojo. Na sinatura do convenio con Asotrame Sánchez Fojo estivo acompañado por Cristina Piñeiro e polo concelleiro de Sanidade, Santiago Galego.

A través do acordo rubricado con Asotrame continuarase desenvolvendo o programa “Asotrame é saúde: ioga para pacientes e expacientes oncolóxicos e familiares” no municipio. A actividade, tal e como se estipula no convenio, está considerada de interese social de carácter singular dado o colectivo ao que se dirixe. Trátase dunha proposta de balde e pensada para persoas en tratamento e expacientes con calquera tipo de cancro.

En canto ao convenio coa Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra –que se asinou de xeito telemático- manterase o programa “Aprende a protexerte fronte á adicción”, para usuarias e usuarios de Narón que se atopen en tratamento ambulatorio na Unidade de Condutas Adictivas con diagnóstico dalgunha adicción compartamental (ludopatía, adicción ás compras…) e adiccións con substancias como o tabaco, o alcohol, hipnosedantes…

Sánchez Fojo agradeceu aos representantes de ambas asociacións o traballo que realizan ao longo do ano coas persoas ás que se dirixen os seus programas e animounos a continuar “desenvolvendo un labor que é moi necesario e que grazas ao voso traballo pode axudar a moitas persoas”.