Friday 22 de November de 2024

Máis de 500 familias gozarán da gratuidade das escolas infantís por segundo ano consecutivo


571 nenos e nenas comezarán o curso en setembro no servizo municipal, unha aposta do Goberno de Inés Rey pola conciliación e apoio ás familias

No mes de setembro ofertaranse outras 163 prazas máis, vacantes na anterior convocatoria

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, ofertou no pasado mes de marzo un total de 420 prazas na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM). Un servizo que será gratuíto para as familias por segundo ano consecutivo, nunha aposta do Goberno de Inés Rey pola conciliación, tras a súa posta en marcha no presente mandato como parte do plan de axuda ás familias.

A Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) componse dun total de oito centros educativos, para os que se ofertaron 420 prazas de novo acceso entre os diferentes tramos de idade (de 0 a 1 ano, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos). O Concello da Coruña recibiu un total de 548 solicitudes, 128 máis das prazas ofertadas, o que amosa o interese do servizo municipal.

Tras o proceso de matriculación e revisión de criterios de acceso (idade, empadroamento…), formalizáronse un total de 257 novas matrículas. Na actualidade quedan 163 prazas libres para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos de idade, repartidas entre a EIM A Caracola (Novo Mesoiro), EIM Agra do Orzán, EIM Arela (Elviña), EIM Carricanta (Castrillón), EIM Os Rosales, EIM Luís Seoane (Monte Alto), EIM de Monte Alto e a EIM Os Cativos (Palavea).

Por tramos de idade, a relación de prazas libres é: 49 prazas en aulas de ata 1 ano de idade; 52 en aulas de 1 a 2 anos de idade; e 62 en aulas de 2 a 3 anos de idade. As vacantes ofertaranse nunha nova quenda no mes de setembro, co obxectivo de prestar axuda ao maior número de familias con este servizo gratuíto de conciliación, unha medida do Goberno de Inés Rey, pioneira en Galicia tras a súa posta en marcha a comezos do mandato.