As obras están case rematadas, a falta do asfaltado destes máis de cinco quilómetros de estrada
O Concello de Frades está a piques de rematar as obras de ancheamento e mellora do camiño da AC-524 (Abellá) a Vilar de Arriba (Frades). Unhas obras orzamentadas en 203.216,52 euros e que permitirán incrementar a seguridade viaria de peóns e vehículos ao longo dos 5,3 quilómetros dunha das estradas con máis tráfico do municipio.
“As obras permitiron anchear a estrada medio metro a cada lado, así como canalizar augas pluviais e construír beirarrúas no núcleo de San Mauro”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Obras, Manuel Ferreiro, quen apunta que “as obras xa están case rematadas, a falta do asfaltado da estrada que se fará nos próximos días”.
O camiño entre a AC-524 en Abellá e a localidade de Vilar de Arriba ten unha lonxitude de 5.280 metros, que foi ampliada 50 centímetros a cada lado cunha cuneta de seguridade revestida de formigón. Así mesmo, colocáronse 391 metros de tubería de PVC con 7 arquetas con sumidoiro para a recollida das augas pluviais e construíuse un muro de bloques de granito de 15 metros de longo e 2 de alto para a contención de terras. Unha vez rematados estes traballos, a empresa adxudicataria, Canarga SL, procederá á reparación de fochancas e a un triplo tratamento asfáltico de todo o camiño.
As obras incluíron tamén a mellora do camiño entre San Mauro e Cachada, na parroquia de Frades. Un treito de 1,5 quilómetros no que se mellorou a capa de rodaxe con zahorra de canteira e un selado da plataforma de 5 milímetros de espesor.