ABRE A TEMPORADA DE VISITAS ESCOLARES AO PARQUE DE EDUCACIÓN VIARIA DE BARALLOBRE
O Concello de Fene presenta o novo programa de actividades escolares para o curso 2015-2016 no Parque de Educación Viaria de Barallobre. Dende a Concellería de Persoal, Seguridade e Formación e Emprego de Fene convídase un ano máis aos centros de ensino da bisbarra a participar nos obradoiros teórico-prácticos que se desenvolverán na devandita instalación municipal a partir do vindeiro 3 de novembro e ao longo do presente curso escolar.
As actividades van dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (educación infantil e primaria) e consisten nunha sesión teórica de introdución á seguridade viaria e nunha sesión práctica de percorrido polo circuíto. A duración total do obradoiro é de dúas horas. O número máximo de participantes por grupo ascende a 25.
O Parque Municipal de Educación Viaria de Fene está emprazado no antigo apeadoiro de Renfe, na parroquia de Barallobre. Conta cunha aula totalmente equipada e cun circuito homologado de 800 metros, dotado de karts eléctricos e a pedais así como de bicicletas, triciclos e patinetes. O Parque, inaugurado en marzo de 2007, ten como finalidade “educar no respecto ás normas de circulación”.
Para o desenvolvemento das actividades que se realizan no Parque, empréganse distintos modelos de vehículos adaptados para cada grupo de idade como karts eléctricos, karts a pedais de 3 rodas (2 prazas) e de 4 rodas (individuais e de 4 prazas) , bicicletas, patinetes e triciclos
Para solicitar unha visita e participar nos obradoiros é necesario cumprimentar a ficha de solicitude -que se pode descargar na páxina web municipal www.fenecidadan.gal- e presentala no Rexistro Xeneral do Concello de Fene. Tamén se pode enviar por correo postal a “Rexistro Xeral do Concello de Fene. Avda. do Concello s/n. 15500 Fene”, por fax (981 492788) ou por vía telemática a través da sede electrónica (ou nos lugares relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e procedemento administrativo común).
Segundo informan dende a concellería de Persoal, Seguridade, Formación e Emprego, xunto coa visita ao Parque de Educación Viaria de Barallobre, os colexios/Anpas poden solicitar visitas complementarias ao Museo do Humor de Fene, indicándoo exprésamente na ficha de solicitude. Neste caso, ao mesmo tempo que un grupo participa nas actividades do Parque de Educación Viaria, outro visita o Museo.
Unha vez atendidas as solicitudes dos centros, as datas e horarios dos obradoiros adxudicaranse por orde de chegada da solicitude.
Máis información no Departamento de Cultura e Ensino do Concello de Fene (Avda. Naturais 44, entrechán dereita – Fene), no teléfono 981 340 366 ou no correo electrónico: cultura.deportes@fene.es.