Friday 22 de November de 2024

Exitosa Feira Rural, outro ano máis


San Sadurniño acaba de clausurar a XIII Feira Rural, coa que se pretende promocionar o medio rural como un espazo vivo e cheo de oportunidades de desenvolvemento baseado nos produtos e servizos de proximidade e, máis que en ningunha outra cousa, na sostenibilidade. A cita deste ano tivo, se cadra, menos afluencia de público que outros anos na primeira metade do día, cando se agardaba que a xente viñese buscar produtos frescos e elaborados e admirar a espectacular colección de froita presentada a concurso. En contra do esperado -e do que pasara outras veces- até as dúas da tarde o ambiente foi tranquilo, sen aglomeracións pero moi constante en canto a tránsito polos sendeiros. Porén, cousas veredes, á tardiña, unha hora e media antes da clausura, o recinto da Cortiña converteuse nun ir e vir de xente que animou as vendas pendentes de pola mañá.

O responsable de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, cualificou a edición como “positiva” e ratificou que a feira “está asentada e con forza”. Con respecto ao público, Varela destacou a “opinión favorable” que escoitou por boca de varias persoas visitantes, chegadas de toda a comarca e de zonas máis lonxanas “como Viveiro”. Mesmo de máis aló, como Francia, Gran Bretaña e incluso turistas de Nova Zelandia, que aproveitaron a súa estadía en Galicia para facer parada na Cortiña.

En canto ás vendas, cadaquén fala de como lle foi nela e, segundo nos comentaron responsables de distintos postos, tiveron moi boa saída os produtos de horta -había moito tomate e moi variado, pementos e as primeiras mazás e peras-, así como o mel, os queixos da zona e as árbores e flores de viveiro.

A Feira Rural tivo, de novo, un dos seus momentos máis concorridos na entrega dos premios do concurso da froita, ao que se presentaron unha vintena de lotes de toda a volta, pero maioritariamente de San Sadurniño e da zona do Eume.

Os premios, consistentes en tres vales de 75€ canxeables nas tres agrotendas locais, quedaron todos no concello. Concretamente no lote de mazá Reineta San Bieito recollido en Naraío por Iago Varela, nun de peras Manteiga Branca colleitadas en Orxás (San Sadurniño) por Juan Castrillón e noutro de peras, neste caso da variedade autóctona Mazafresa achegada desde Ferreira por Mariano López.

Trala entrega dos premios, o Concello sorteou a primeira tanda de agasallos entre o público. Xunto co realizado a última hora da tarde, a área de Desenvolvemento Local entregou 15 vales de 40€ cada un para gastar nos establecementos hostaleiros do municipio antes do 30 de novembro.

Promoción da Fusquenlla e do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal
Ás portas da avaliación por parte da Unesco do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que comeza mañá, o Concello reforzou o labor promocional da iniciativa desde a caseta de información da feira. Neste sentido entregáronse os novos folletos turísticos e informativos sobre a riqueza xeolóxica de toda a zona e, ademais, o persoal que atendía o público incluso ía ataviado co “uniforme” do proxecto. De feito, nesta edición notouse moito movemento de persoas interesándose tanto polo plan de desenvolvemento que aspira ao recoñecemento internacional, como polos distintos atractivos paisaxísticos e patrimoniais cos que conta San Sadurniño.

En relación co desenvolvemento sostible, baixo a carpa principal tamén se instalou un posto informativo sobre o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla promovido no recinto feiral de San Ramón polos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño.

O “stand” da Fusquenlla acolleu os obradoiros de lambetadas elaboradas con froita autóctona e nel tamén se puideron probar e valorar distintas confeituras de mazá preparadas nas súas instalacións durante os dous cursos que se ofreceron nos últimos meses. “A xente puido degustar e puntuar a que máis lle gustase e por agora vai ganando a mazá Roxelia”, apuntaba pouco despois das 18:00h Manolo Varela.

A Fusquenlla é un espazo completamente equipado para preparar e envasar todo tipo de produtos da horta, froita e mel, ademais de dispor de rexistro sanitario propio e protocolos que garanten o cumprimento da normativa sobre seguridade e trazabilidade alimentaria.

Na feira ofreceuse información sobre o funcionamento dun proxecto en marcha e aberto a que se sumen pequenas explotacións excedentarias ou que queiran diversificar o seu mercado, pensando nos circuítos próximos e sempre na máxima calidade do produto. “Puidemos explicar o discurso que hai detrás desta aposta polo medio rural que é A Fusquenlla”, comenta o concelleiro ao tempo que insiste en que “a xente pode seguir anotándose” para próximas accións formativas, xa sexa nos concellos promotores ou a través do formulario dispoñible na súa web. Varela avanzou que de cara a outubro vai desenvolverse un curso de 42 horas centrado na comercialización agroalimentaria “para que a xente que xa fixo o curso de transformación aprenda agora a comercializar os seu produtos, asegurando así aviabilidade do propio centro”. Ademais tamén se agarda que se concreten para máis adiante as accións que a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol “prometeu financiar”.

Ata o ano que vén
San Sadurniño despediu pasadas as oito do serán a XIII Feira Rural con bo sabor de boca. Durante o día o público tamén puido gozar da música da agrupación canguesa Lembranzas da Ría e, na hora do xantar á sombra do paseo fluvial, tamén cos cantares do Cego de Matamá (Luís o Caruncho) e Aldariña de Candeán. Tamén houbo numerosa asistencia ao concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro e, sobre todo, á exhibición de tarde de pastoreo con cans ofrecida pola asociación ACAPAGAL. Un resume do que deu de si a xornada pode verse na extensa galería fotográfica publicada no Facebook do Concello de San Sadurniño.

E, unha vez pechada a feira, hai que ir pensando no cine, posto que nuns días comezan as gravacións e os obradoiros do VII Chanfaina Lab.