Alfonso Rueda e a e a presidenta de SOGAPS, Maite Isla asinaron un convenio de colaboración, para continuar co proxecto de axuda sanitaria e dotación de material sanitario aos refuxiados saharauís
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda incidiu hoxe na importancia do compromiso do Goberno galego co pobo saharauí, tal e como ven facendo nos últimos anos, cunha achega de 100.000 euros para continuar mellorando as condicións sanitarias dos refuxiados.
Alfonso Rueda e a presidenta da Asociación Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), Maite Isla asinaron hoxe un convenio de colaboración, para continuar co proxecto “Prestación de axuda sanitaria e dotación de material sanitario para o hospital de Bojador e para a dotación da casa para os médicos na wilaya de Bojador”, con especial atención aos nenos/as de 0 a 7 anos, mulleres embarazadas e persoas maiores.
O obxectivo da actuación da Cooperación Galega que se está levando en Tinduf é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada saharauí, con especial atención ós nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores. A población dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega polo que dende o ano 2006 a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, vén colaborando coa SOGAPS no financiamento de diferentes proxectos, a través da sinatura dos correspondentes convenios.
Dende o ano 2006, a Xunta colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) no financiamento de diferentes proxectos cun importe de máis de 485.000 euros destinados ao proxecto de apoio sanitario para a mellora do nivel de saúde da poboación que vive nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf (Alxeria), de forma específica na Wilaya de Smara; para o proxecto de melloras das condicións sanitarias da poboación refuxiada saharauí, garantindo un bo funcionamento do Hospital de Smara e dos dispensarios diseminados nas diferentes Wilayas; para o proxecto de axuda alimentaria, mellorando o acceso a unha alimentación diversificada e nutritiva para 4.600 persoas (2760 mulleres, 1610 nenos e nenas e 230 anciáns).
Nos anos 2012 e 2013 para un proxecto sanitario para a mellora das condicións de saúde de 6.000 habitantes de Ausserd. E o ano pasado, a Xunta colaborou con 100.000 euros para a construción dunha casa de médicos, o equipamento do Hospital de Bojador dando continuidade este ano ao proxecto posto xa en marcha.
Visita campamentos de Tindouf
O pasado mes de decembro, Alfonso Rueda visitou os campamentos de Tindouf, en Arxelia, onde comprobou in situ as actuacións levadas a cabo grazas ás axudas do Goberno galego, xa que a poboación dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega
Rueda comprobou de primeira man o estado do proxecto que está a desenvolver a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), que consiste na prestación de axuda e material sanitario e na construción dunha casa para os médicos na Wilaya de Bojador, que grazas ás axudas galegas xa entrará proximamente en funcionamento.
Os beneficiarios do proxecto levado a cabo na rexión arxelina son unhas 6.000 persoas da poboación da wilaya de Bojador. Desta maneira, a casa para o persoal médico permitirá ofrecer un servizo de mellor calidade ás mulleres e infancia en particular e á poboación saharauí en xeral, pois contará co equipo necesario para mellorar a calidade da atención sanitaria primaria, funcionando como centro de apoio ao Hospital de Bojador e permitindo que as Comisión médicas galegas se instalen nela durante as súas visitas aos campamentos.
Unha axuda prioritaria
A colaboración entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. O dito plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega.
Pola súa banda, a Lei de Cooperación para o Desenvolvemento recolle á axuda humanitaria e de emerxencia como un dos instrumentos de cooperación e recoñece coma prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados. Finalmente, o Plan Anual 2015 establece a necesidade de continuar co apoio outorgado á poboación saharauí, sendo esta unha constante na planificación do Goberno galego.