Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño convoca as mesas sociais de traballo do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes


O Concello de San Sadurniño encóntrase en pleno proceso de preparación do seu cuarto Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Trala avaliación de resultados do anterior plan e despois de manter unha primeira rolda de contactos con grupos políticos, entidades do municipio, persoal técnico e outras institucións e servizos que teñen algo que dicir nesta cuestión, agora toca definir o contido dun documento que é en si mesmo un plan de acción que rexerá durante os próximos catro anos as políticas municipais en favor dunha igualdade plena, ademais de servir de guía neste ámbito para todo o territorio. O borrador do que será o IV PIOMH comezará prepararse na Casa da Xuventude durante os días 6 e 7 de setembro, convocando para iso aos distintos grupos de traballo implicados no seu deseño.

A parte técnica do plan está sendo coordinada pola área de Igualdade co apoio da empresa FEMLEGAL, que se ocupou tanto da análise dos obxectivos acadados nos tres anteriores plans como dos que aínda faltan por conseguir, ademais de propor novas actuacións ou a modificación de aquelas que o requiran.

Para ese labor, a consultora fixo unha pormenorizada avaliación dos avances e mantivo encontros cos colectivos representativos da sociedade municipal -persoal do Concello, grupos políticos, asociacións, representantes do CEIP, Garda Civil, Centro de Saúde, etc.- co obxectivo de volver insistir na trascendencia de que exista un plan sobre igualdade e na importancia de asumir o seu cumprimento en todos os ámbitos. As xuntanzas reforzáronse, ademais, cun formulario en liña aberto especificamente para a recollida de propostas que, tralo estudo da súa viabilidade, son susceptibles de ser incorporadas ao IV PIOMH.

As liñas de actuación definidas por FEMLEGAL, xunto coas achegas da veciñanza e do resto de colectivos implicados no proceso, estarán sistematizadas nun borrador do plan de Igualdade que, como documento que debe consensuarse coa sociedade e responder á súa realidade, se perfilará os días 6 e 7 de setembro en varias mesas estruturadas por grupos de traballo.

O programa, que se desenvolverá na Casa da Xuventude, é o seguinte:

Martes 6 de setembro:

9:00 a 11:30h: Mesa do persoal técnico externo ao Concello, como é o caso da Garda Civil, o CPI San Sadurniño, o Centro de Día, a Residencia Suacasa, o Centro de Saúde, a EIM A Rolada e responsables do Plan de inclusión
11:30 a 12:00h: Descanso
12:00 a 14:00h: Mesa de grupos políticos
16:30 a 18:30h: Mesa para a poboación en xeral, na que poderán participar todas aquelas persoas que, a título particular, queiran ser partícipes do deseño do IV PIOMH e formular achegas á súa redacción.
18:30 a 19:00h: Descanso
19:00 a 21:00h: Mesa das asociacións e colectivos veciñais, culturais, educativos e deportivos
Mércores 7 de setembro:

9:00 a 11:30h: Mesa do persoal técnico municipal, á que están convocados todos os departamentos do Concello
11:30 a 12:00h: Descanso
12:00 a 14:00h: Mesa para a poboación en xeral e para entidades que non puidesen asistir o día anterior
16:30 a 18:30h: Mesa específica para o Servizo de Axuda no Fogar
Para participar nas mesas hai que comunicalo previamente a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou pilar.calvo@sansadurnino.gal. Tamén se pode chamar ao 981 490 027 (ext.1)

Aínda que xa houbo encontros sobre o PIOMH a comezos do verán, esta nova convocatoria presencial marca o inicio do proceso participativo propiamente dito, que terá como finalidade recoller e consensuar estratexias, actuacións concretas e o cronograma para levalas á práctica, etc. Achegas que irán tomando forma coa celebración das sucesivas mesas. A idea é que o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño se presente en novembro, coincidindo cos actos do 25-N.