Friday 22 de November de 2024

Fene dará citas para as matrículas nas escolas deportivas a partir da semana que vén


A Concellaría de Deportes informa dos prazos de inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene. Isto é, o prazo de matrícula presencial estará aberto do 12 ao 23 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As citas poderán solicitarse a partir do 1 de setembro; días 1 e 2 para residentes e escolarizadas/os en Fene e do 5 ao 9 para a poboación xeral; chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812.

Para solicitar CITA PREVIA para realizar a inscrición temos que ter en conta os seguintes prazos:

Residentes e escolarizados/as en Fene: Días 1 e 2 de de setembro de 9:00 a
14:00 horas
Poboación en xeral: Do 5 ao 9 de setembro. De 9:00 a 14:00 horas e o mércores,
día 7, tamén en horario de tarde de 16:00 a 19:00 horas
O calendario de inscricións nas distintas disciplinas será do 12 ao 23 de setembro. A inscrición realizarase o día e á hora asignado con anterioridade.

Cada persoa que acuda facer o trámite -con cita previa- poderá anotar aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis. Desde o departamento de Deportes recordan que, unha vez comece o curso, só se admitirán novas matrículas se hai prazas libres en cada disciplina ou se se producisen baixas.

Á hora de solicitar a matrícula nas escolas e obradoiros municipais haberá que presentar o carné do ano anterior e asinar, de ser o caso, a orde de domiciliación bancaria para o pagamento das actividades, a opción máis cómoda. Se se trata de novas inscricións tamén haberá que achegar a fotocopia do caderno da Seguridade Social ou da tarxeta sanitaria, fotocopia do DNI ou Libro de Familia, unha foto tamaño carné e, quen domicilie, tamén a orde de autorización dos cargos -a folla facilítana na oficina- e a copia dun recibo onde consten os datos bancarios con todos os díxitos da conta.

Para a matriculación en cursiños haberá que cubrir a ficha correspondente e, unha vez confirmada a praza, efectuar o pagamento do recibo.

A Concellaría de Deportes editou unha folla con toda a información sobre as escolas e obradoiros deportivos que se desenvolverán desde o 1 de outubro até o 30 de xuño repartidos polos pavillóns, a piscina e outras instalacións municipais. Hai preto dunha vintena de propostas -baloncesto, atletismo, pilates, zumba, natación, patinaxe, karate, judo, ximnasia rítmica, acondicionamento físico, pequedeporte, educación física contra a fatiga oncolóxica, etc.- subdivididas á súa vez en grupos dependendo das idades ou da práctica que xa se teña en cada disciplina.