— Os 14 participantes nesta iniciativa, de entre 18 e 30 anos, desenvolven ata o domingo estas e outras tarefas relacionadas coa conservación deste enclave natural
— A directora xeral achegouse tamén a Vilasantar, onde outros oito voluntarios acondicionan o batán de Mezonzo
— Ambos programas forman parte da maior campaña de verán da historia impulsada polo Goberno galego, que ofrece máis de 10.800 prazas para nenos e mozos
A Xunta de Galicia promove tarefas de conservación do enclave natural a través do campo de voluntariado Arboretum con actividades como a plantación dun xardín sensorial ou dun bosque comestible. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse esta mañá ata Mesía para coñecer os mozos responsables destes traballos, de entre 18 e 30 anos e procedentes de diferentes comunidades españolas así como de Italia, Francia e México.
En concreto, estes 14 voluntarios encárganse de crear un xardín que estimule por unha banda o olfacto, con plantas e herbas aromáticas, e pola outra o oído e o tacto, dado que este xardín se debe percorrer cos pés descalzos. Ademais, plantarán un bosque comestible e construirán hoteis de insectos, niños para aves e casas para morcegos. Á marxe destas tarefas, aproveitarán para visitar lugares próximos como Santiago de Compostela, Lugo, Corrubedo ou o Castro de Baroña, e para realizar obradoiros de cestería e queixo ou foliadas. O programa culminará este sábado cunha visita guiada ao resultado do seu esforzo dirixida aos veciños da localidade.
Durante a visita, a directora xeral destacou o grande valor do voluntariado para preservar, ampliar e mellorar importantes zonas naturais da nosa comunidade. Neste sentido, asegurou que estas actividades reforzan entre os mozos competencias fundamentais para o seu desenvolvemento, como a sensibilización sobre o medio natural, e lles permiten relacionarse e facer novas amizades.
Acondicionamento do batán de Mezonzo
Cristina Pichel visitou tamén esta mañá o batán de Mezonzo, en Vilasantar, instalación que lle da nome a un campo de voluntariado. Nel, oito mozos procedentes doutras comunidades españolas traballan polo acondicionamento e restauración desta instalación, que se pode visitar grazas ao último bataneiro que prestou servizo na mesma. Ademais, melloran as rutas dos Muíños do río das Gándaras e do Camiño Espiritual de San Pedro de Mezonzo.
Baixo o lema O verán que queres contar, a Xunta de Galicia lanzou este ano unha oferta de verán de máis de 10.800 prazas, a mellor da historia. Ademais de campos de voluntariado, inclúense campamentos, minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.