O Concello acolleu este mediodía un acto no que participou a rapazada na compaña das familias acolledoras de Fene, Ares, San Sadurniño, Miño e Mugardos
A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e os concellos de Fene, Ares, San Sadurniño, Miño e Mugardos participaron este mediodía nun pequeno acto de despedida das cinco nenas e nenos acollidos por outras tantas familias durante os dous últimos meses. O acollemento foi posible gracias á colaboración tanto delas como dos municipios co programa “Vacacións en Paz”, que volveu botar a andar neste 2022 tras dous anos interrompido por causa da pandemia.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, actuou como portavoz dos municipios para “mostrar o noso apoio ao programa” que, en palabras do rexedor, “ten agora case máis importancia, se temos en conta os últimos acontecementos na política internacional que fan que as dificultades dos campamentos poidan ser agora aínda maiores”, asegurou Trigo en alusión tanto ao contexto de inestabilidade económica como ao cambio da política exterior española con respecto ao Sáhara.
Pola súa banda, a delegada zonal da SOGAPS, Maite Martínez, agradeceulles aos concellos a súa “colaboración e solidariedade” para que as cinco nenas e nenos procedentes de Tinduf puidesen pasar o verán entre nós. Con todo, Martínez incidiu en que é necesario “máis colaboración”, principalmente en materia de difusión que permita “visibilizar o problema saharauí”, que leva medio século agardando solución.
A responsable de SOGAPS recordou, ademais, que o traballo da asociación non se limita unicamente ao programa “Vacacións en paz”, senón que tamén promove “moitas cousas máis, como son as caravanas de alimentos, as comisións médicas e as viaxes dos políticos”. Martínez rematou pedíndolles aos responsables municipais que fixesen por achegarse aos campamentos “para coñecer a súa realidade”.
Os cinco nenos e nenas acollidos regresarán nestes días ao seu país no exilio. Alén da experiencia e o recordo do tempo disfrutado, levaran canda sí lotes de material escolar e de hixiene -que recibiron de mans de Juventino Trigo e da concelleira de Benestar e Igualdade, Mari Carmen Martínez- ademais doutros agasallos doados polos demais concellos.