O Concello destina a esta convocatoria de axudas 75.000 euros. Poden beneficiarse todos os estudantes, desde educación infantil ata universitarios.
No Boletín Oficial da Provincial (BOP) xa están publicadas as bases da convocatoria do Concello da Laracha sobre as axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, cuxo obxectivo é colaborar cos gastos derivados do inicio do curso escolar 2022-2023 na adquisición do material escolar e didáctico complementario, vestiario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa. Tamén se inclúe por primeira vez nesta convocatoria a posibilidade de xustificar a axuda con material informático.
Ata o día 30 de setembro as persoas interesadas en optar a unha das bolsas de estudos municipais convocadas deben presentar as súas instancias debidamente cubertas e coa documentación requirida. O modelo de solicitude pode recollerse no propio Concello ou descargarse da web municipal (www.alaracha.gal, apartado de ‘avisos’). Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos económicos.
Poden participar no procedemento todos os estudantes empadroados no municipio, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. A convocatoria está dotada con 75.000 euros, cun incremento de 20.000 euros con respecto ao exercicio anterior que permitirá incrementar a contía das axudas, que pasarán a ser de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
O goberno municipal da Laracha decidiu incrementar neste curso a achega económica para esta convocatoria e a contía das bolsas de estudos municipais para os beneficiarios consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso dos alumnos, e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.