O programa de actos incluíu o descubrimento da placa coa que se bautiza co nome de A Laracha un paseo na localidade francesa.
O Concello da Laracha xa está irmandado con Les Sables d’Olonne despois da sinatura do acordo no Centro de Congresos da localidade francesa polos dous alcaldes, José Manuel López Varela e Yannick Moreau.
O acto celebrouse na tarde de onte xoves, contándose coa presenza de representantes do Comité de Irmandamento francés -que está presidido por Martine Girardeau-, e a delegación larachesa ao completo, composta por representantes municipais, alumnos e profesora do departamento de francés do IES Agra de Leborís e membros da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, cuxo grupo instrumental amenizou o evento coa súa actuación.
Cabe lembrar que este irmandamento é a actualización do asinado no verán de 2010 entre A Laracha e Olonne sur Mer. En 2019 fíxose efectiva a fusión, baixo a denominación Les Sables d’Olonne, dos tres antigos municipios franceses que formaban o País de Olonne: o propio Olonne sur Mer, Sables d’Olonne e Château-d’Olonne, que agora forman unha entidade única de máis de 45.000 habitantes. Esta circunstancia implicou a necesidade de constituír con carácter oficial o novo irmandamento, que agora xa é efectivo.
A data para a sinatura coincide coa celebración da Festa dos Irmandamentos que se está a realizar nestes días e no que participan os municipios de Murat (Francia), Worthing (Inglaterra), Schwabach (Alemaña) e Gourcy (Burkina Faso), tamén irmandados coa mesma localidade francesa que A Laracha. Na axenda de actos celebrados nestes días realizouse un desfile con representantes de cada concello. Tamén se procedeu ao descubrimento da placa coa que se bautizou co nome de A Laracha un paseo situado na propia vila de Les Sables d’Olonne.
O programa rematará o sábado coa saída da Golden Globe Race, a carreira en barco sen escala, sen electrónica e en solitario que partirá desde Les Sables d’Olonne. O Concello da Laracha participará como convidado e terá un posto no que se realizará unha exposición de produtos e imaxes tanto da Laracha como da Costa da Morte e de Galicia en xeral.