O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), deron resposta á publicación nas redes sociais realizada por parte de Juan Carlos Quer, pai de Diana Quer, sobre a petición dunha placa. Quixeron así expoñe-la realidade ante a dimensión que está acadando esta cuestión.
O alcalde manifestou que neste 2022 non se produciu ningún intento de contacto por parte de Juan Carlos Quer, nin por vía telefónica nin de maneira presencial, e sempre foi recibido cando así o requiriu: no 15 de novembro de 2018 e no 25 de setembro de 2020, ademais de atender ao escrito remitido no 16 de outubro de 2020.
Na primeira reunión, o proxenitor trasladou o desexo dunha escultura na Pobra relacionada coa súa filla e, no segundo encontro, o mandatario local amosoulle a disposición do Concello de instalar un monumento contra a violencia machista e en homenaxe a tódalas vítimas, concibido de maneira xenérica con relación aos tres feminicidios vinculados á localidade que afectaron a distintas xeracións. “Nós non discriminamos a ningunha muller que sufra violencia de xénero e, moito menos, que sexa asasinada. Ao contrario, o que pretendemos é darlle o mesmo trato a todas, independentemente da dimensión mediática. Nós non politizamos, nin creamos ningún tipo de polémica”, precisou Xosé Lois Piñeiro.
Engadiu que A Pobra se volcou coa familia de Diana e, para así amosarllo de xeito institucional, o rexedor pobrense, xunto co de Rianxo, asistiron ao funeral do 17 de xaneiro de 2018 e o 4 de febreiro daquel ano houbo un acto de homenaxe no municipio. Polo que, insistiu en que o Concello está á súa disposición para cantas explicacións precise, “para atendelo con amabilidade e empatía, como sempre fixemos.”
A comezos de 2019 convocouse un pleno extraordinario no que se abordou a homenaxe a Diana Quer, “o Partido Popular trae dúas propostas e ningunha das dúas era un monumento nin unha placa. É Nós Pobra quen propón que se faga un monumento contra a violencia de xénero e que se lle dea especial atención ás mulleres que dalgunha maneira, como Diana Quer, foron asasinadas neste concello ou con relación directa ao mesmo”, expuxo a edil. A medida foi aprobada por unanimidade da corporación. A falta dunha partida orzamentaria específica e a irrupción do coronavirus fixo que se pospuxese ata este ano, cando este asunto se volveu retomar na reunión de goberno previa aos festexos do Carme dos Pincheiros, na cal se acorda destinar unha parte do remanente á elaboración da escultura. “Estamos tristemente sorprendidos. Cremos que nin nós nin a nosa vila se mereza este trato”, declarou Charo Varela.
Incidiu, ademais, en que actualmente hai no concello dezaseis mulleres que contan con medidas de protección, pois “a violencia de xénero ten moitas caras, ten moitos nomes.” Tamén fixo fincapé no compromiso do goberno municipal coa igualdade e a repulsa á violencia machista, aspectos nos que se traballa arreo dende a Administración local coa posta en marcha de numerosas iniciativas para combate-lo machismo e sensibiliza-la cidadanía.