Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Abegondo recibe ao seu homólogo madrileño ao seu paso polo municipio


Santiso Miramontes acudiu a Beche para desexarlle un ‘bo camiño’ a Martínez-Almeida, que está a realizar a variante inglesa

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, recibiu esta mañá en Beche ao seu homólogo en Madrid, José Luis Martínez-Almeida, quen está realizando o Camiño Inglés.

Coincidindo co paso desta alternativa do itinerario peregrino por Abegondo, o rexedor local e o seu equipo de goberno acudiron ao encontro co alcalde da capital de España, quen destacou “os lugares extraordinarios polos que pasa o Camiño, como Abegondo, cunhas pistas que os peregrinos agradecemos enormemente e uns espazos naturais como este en o que nos atopamos que son, sinceramente, espectaculares”. Tamén estivo presente o alcalde de Coirós, Francisco Quintela.

É a primeira vez que Martínez-Almeida fai o Camiño Inglés, o que equipara “ao Francés e ao Primitivo”, e chegará o domingo a Santiago de Compostela. “Debería quedarme esta noite en Abegondo”, apostilou.

Pola súa banda, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, considerou unha “honra que o alcalde de Madrid visite o noso municipio e que coñeza a contorna de Beche agora mesmo tal e como está, nunha zona na que investimos máis de 1,5 millóns de euros coa axuda da Xunta de Galicia e agora mesmo é un referente en toda a área”.