Friday 22 de November de 2024

O pavillón do Val acollerá mañá o “XXIII Torneo de Tenis de Mesa Cidade de Narón”


Algo máis dun centenar de persoas participarán mañá no “XXIII Torneo de Tenis de Mesa Cidade de Narón” que se desenvolverá nas instalacións do pavillón do Val. O Concello organiza esta cita co Club Tenis de Mesa Narón, un dos eventos xa consolidados no calendario deportivo da cidade, tal e como destacou o edil de Deportes, José Oreona.

No torneo disputaranse catro categorías, prebenxamín, benxamín, alevín e absoluta, tanto masculinas como femininas e os participantes proceden de diferentes clubs galegos e tamén de Asturias e Portugal. Estarán presentes, tal e como destacaron dende o club local, a maioría dos mellores xogadores galegos, como a naronesa Sofía Couce, Candela Montero, Julia Guerra, Brais Rodríguez, Celia Sanz e Martín García, do Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón e todos eles cunha excelente traxectoria deportiva. Así mesmo, estarán xogadores doutros clubs, como os campións galegos absolutos Diego Varela e Claudia Canay, os campións galegos alevín Juaqi Juo e Mateo Lois, etc.

O presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, asegurou que este evento “supón un orgullo polo nivel alcanzado nesta e en anteriores edicións” e agradeceu a implicación do Concello “que nos está prestando un apoio esencial ao longo do ano e particularmente nesta semana chea de actividades na xornada de tecnificación na que participaron 25 deportistas inscritos no campus”.

Pola súa banda, o edil de Deportes, José Oreona, destacou o traballo que realiza o club local, facendo especial fincapé nos éxitos dos deportistas da cidade e tamén no labor dos integrantes do club para que poidan ser unha realidade. O concelleiro animou ás veciñas e veciños a asistir á convocatoria e desexou moitos éxitos aos participantes na mesma.