Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Neda abre este luns o prazo de inscrición na “Ruta dos muíños”


Neda recupera con motivo da próxima edición da Festa do Pan a tradicional “Ruta dos muíños”. Trátase dun percorrido guiado, que discorrerá en paralelo ao río Belelle ata chegar á coñecida fervenza, permitindo aos participantes saber un pouco máis sobre a orixe da tradición panadeira da vila.

O itinerario, para o que se abrirá a inscrición o vindeiro luns, terá lugar o mércores 31 de agosto, a partir das 17.30 horas, e contará coas explicacións da técnica de turismo municipal.

Os participantes – un máximo de 20 persoas- partirán do adro da Igrexa de Santa María e, a medida que remontan o río, irán descubrindo construcións vencelladas historicamente á elaboración do pan, produto estrela da gastronomía nedense, ademais de muíños que funcionaron como fábricas de papel.

A ruta, duns 11 km (ida e volta), ten un marcado interese etnográfico e natural, e presenta un nivel de dificultade medio, resultando apta para persoas de todas as idades, coa condición de que estean afeitas a camiñar.

Para tomar parte neste itinerario gratuíto, que está incluído no programa municipal “Descubrindo Neda”, cómpre chamar a partir do luns ao teléfono 981390233, entre as 9 e as 14 horas. A proposta repetirase o 7 de setembro.