Friday 22 de November de 2024

O Concello manterá a vixilancia na súa captación de auga e pide á cidadanía un uso racional deste ben


• Na reunión mantida hoxe con Augas de Galicia a alcaldesa explicou que “de momento aínda non temos escaseza de auga, Camariñas capta a auga do río e de momento o bombeo cubre o consumo”.

O Concello de Camariñas e Augas de Galicia reuníronse hoxe para analizar a situación do municipio no contexto de prealerta por escaseza de auga activada pola Xunta a pasada semana. A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “polo momento non temos escaseza de auga, nós captamos a auga do río e de momento o bombeo cubre o consumo”.
“Somos conscientes de que esta situación pode cambiar en calquer momento polo que manteremos a vixilancia e volvemos a pedir á cidadanía que faga un uso racional da auga”, destacou a rexedora, que solicitou que “se a situación se complica e o río seca, que sería algo excepcional e histórico, se encha o depósito con motobombas”. No encontro, Sandra Insua tamén solicitou a Augas de Galicia “asesoramento para usar a captación de Augas Veciñais da Ponte do Porto”.

Pola súa parte, Augas de Galicia recomendou que se faga un plan de seca e unha auditoría para recoñecer onde hai fugas de auga na rede municipal. Ademais, solicitaron que se lles envíe información como: datos periódicos de caudal captado e caudal subministrado aos usuarios, informes de perdas na rede, medidas a poñer en marcha, comunicación no caso de que a situación se vexa agravada, de calquera incidencia que se produza.

Ademais, presentaron o Plan de Seca aprobado pola Xunta de Galicia en Xuño, no que non se abordan os problemas estruturais senón que analiza a situación de seca e escaseza de auga, afirmando que “estamos nunha situación de seca prolongada e prealerta de escaseza”.