Monday 25 de November de 2024

Os centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión reabrirán no mes de setembro


Na sesión tamén foron adxudicados os novos contratos do servizo de atención temperá e de proxectos de mellora das infraestruturas valorados en 527.000 euros.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar o contrato de xestión dos centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión, que tamén inclúe o control de acceso e a limpeza das instalacións municipais nas que se sitúan (edificio de servizos múltiples, centro sociocultural e antiga reitoral, respectivamente).

O Concello destinará a este servizo con fondos propios municipais 76.751,56 cada ano, polo que o valor do contrato, adxudicado por dous anos prorrogables por outros dous máis, ascende a máis de 300.000 euros.
Nos próximos días formalizarase o contrato coa nova empresa adxudicataria como trámite previo á reapertura das instalacións prevista para mediados de setembro.
Os centros sociais da terceira idade son instalacións municipais que o Concello ofrece ás persoas maiores para que poidan desfrutar dun punto de encontro pensado para ese colectivo que conta con cafetería con prezos bonificados. O obxectivo esenciais son fomentar o envellecemento activo e evitar a exclusión social.

Tamén foi adxudicado o novo contrato do servizo de atención temperá, que permitirá reforzar o equipo con tres novos profesionais: psicólogo, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta, que se engaden ao logopeda co que xa contaba o programa. Farase co cofinanciamento da Consellería de Política Social con cargo ás subvencións para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para este ano, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Este servizo consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social. O novo contrato tamén implica un cambio na ubicación do servizo, que pasará a prestarse nun espazo municipal acondicionado no primeiro andar do edificio de servizos múltiples.

Ademais, adxudicáronse tres proxectos de mellora de infraestruturas municipais que suman un importe total de 527.000 euros. Un deles é o relativo á ordenación de espazos na parte traseira do IES Agra de Leborís, onde o Concello está a crear unha nova área deportiva de referencia na capital municipal. A intervención consistirá na creación dun parque de calistenia, ampliación da plataforma da calzada e acondicionamento dun espazo verde axardinado.

Os outros dous proxectos de obras adxudicados céntranse na mellora da rede viaria municipal. O de maior importe está valorado en 200.000 euros e contempla actuacións en preto de 8.500 metros de estradas de catro parroquias. En Cabovilaño mellorarase a vía entre O Castro e A Lagarteira (incluíndo a prolongación da rede de recollida de pluviais) e tamén no núcleo da Casanova. Na parroquia de Coiro están previstas actuacións en tres puntos diferentes: a estrada que comunica A Ferrulleira coa DP-1913 e as dos núcleos da Fontefría e Fornos. En Vilaño será renovado o pavimento da vía que vai de Vista Alegre a Samiro, e tamén a estrada que leva ata A Piña desde O Ramallal, correspondendo este último núcleo á parroquia de Golmar.

O outro proxecto presenta un orzamento de 150.000 euros e afecta a uns 5.000 metros da rede viaria. Na capital municipal (parroquia de Torás) realizaranse tres intervencións para mellorar a superficie de rodadura nas rúas Río Anllóns, Río Bradoso e Eusebio Bértoa. En Cabovilaño as obras afectarán ao núcleo de Oldán e os seus accesos. En Coiro actuarase na estrada que dá acceso á Ferraría, A Riba e Compañeiro, e tamén na que vai desde A Ferrulleira ata Requesende, xa na parroquia de Golmar.
Salientar, por último, a concesión de tres licencias urbanísticas, dúas para a construción de vivendas unifamiliares nos lugares de Pías (parroquia de Coiro) e Padronelo (Cabovilaño) e outra para a rehabilitación integral dunha vivenda na parroquia de Soandres.