Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes inicia a rolda de contactos coas asociacións rexistradas no municipio


Ao primeiro encontro deste tipo foron convidadas as representacións veciñais de cada parroquia. Ao longo das vindeiras semanas convocarase ás demais agrupacións de toda índole

O Concello de Ordes iniciou na tarde de onte a súa rolda de contactos coas distintas asociacións rexistradas no municipio. Unha iniciativa desenvolvida por José Manuel Rodríguez, concelleiro delegado de Asociacións, que ten como obxectivo principal establecer canles de comunicación directa entre o seu departamento e as asociacións locais de todo tipo. Así ao longo das vindeiras semanas convocarase ás restantes organizacións deportivas, culturais etc.

Nesta primeira convocatoria convidouse ás asociacións veciñais de todas as parroquias. Os representantes de cada unha delas tiveron a oportunidade de transmitir suxestións e de ver respondidas todas as dúbidas. Ademais tamén se aproveitou a ocasión para actualizar as bases de datos existentes, rexistrando novos enderezos, teléfonos e organigramas.
Con este tipo de contactos cúmprese unha das promesas electorais formuladas polo actual alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo. Ademais do rexedor, do concelleiro da área e persoal técnico neste encontro, que tivo lugar nos baixos da Alameda, tamén estiveron presentes os concelleiros de Cultura e Deportes, José Manuel Mira e Luis Caamaño respectivamente.

Con esta iniciativa vese incrementada a oferta de comunicación directa entre o Concello e a cidadanía que o novo goberno local está a implantar. Entre eles destacan tamén os Sábados de portas abertas do goberno loca, e o formulario on line enlazado coa web municipal (http://bit.ly/1INjtaX).