Agrupacións das que formou parte ao longo da súa traxectoria musical participarán na homenaxe
O venres 26 de agosto celebramos o Festival de Música e Baile Tradicional que ano tras ano pecha a programación do Verán Cultural. Dende a Concellaría de Cultura pretendemos darlle visibilidade á riqueza do noso patrimonio inmaterial e do noso folclore, ademais de poñer en valor o importante labor de recuperación e transmisión do mesmo que realizan as agrupacións de música e baile tradicional do noso concello. Pero este ano, ademais, o festival converterase nun acto de lembranza a Pedro Luis Fernández Pombo, carballés, gaiteiro e amante da música tradicional falecido a principios deste ano.
O Festival de Música e Baile Tradicional comezará ás 21.30 horas na Praza do Concello, escenario da maior parte das actividades do Verán Cultural 2022. Nesta ocasión acollerá unha variada mostra do noso folclore a través das actuacións da Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Música e Baile Tradicional da Asociación Cultural Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Verdillo e o Coro Aires de Bergantiños.
No transcurso do festival, e coa presenza dalgunhas das agrupacións musicais coas que colaborou, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fará entrega dun Carballo de Sargadelos á familia de Pedro Luís Fernández Pombo, lembrando e agradecendo a súa implicación e contribución á música tradicional, unha afección que practicou durante toda a súa vida, así coma a súa contribución xenerosa á cultura de Carballo.
Xa desde moi novo, Pedro Luis Fernández Pombo formouse como gaiteiro no Centro Cultural Alfredo Brañas, sendo despois membro do seu grupo de gaitas e tamén da Asociación Cultural Nemeth, así como doutras agrupacións carballesas coas que colaborou. Foi integrante tamén do Grupo de Cámara de Verdillo, no que tocaba o whistle, a guitarra e o laúde, e tamén do Coro Aires de Bergantiños, que presidiu desde o ano 1999.
Ademais, Pedro Luis Fernández Pombo, avogado de profesión e exconcelleiro da corporación, participou activamente na vida cultural e social de Carballo a través de entidades como o Padroado Fogar de Bergantiños, a Asociación Antidroga Vieiro, a Asociación Deportiva Fogar da Xuventude ou a parroquia de San Xoán Bautista.