Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón recupera o Encontro de Maiores, que terá lugar o sábado 3 de setembro no Forte


As entradas deberán recollerse no Departamento de Cultura antes do martes 30 de agosto

Despois de dous anos de ausencia pola Covid, o Concello de Boqueixón recupera o tradicional Encontro de Maiores, cuxa edición número vintenove terá lugar o próximo 3 de setembro no pavillón polideportivo do Forte. Unha cita coa que o Concello de Boqueixón pretende ofrecer unha xornada de lecer para as persoas maiores do municipio.

O programa de actos comezará ás 12:30 horas cunha misa no salón de actos do CPI Antonio Orza Couto. A continuación, ás 13:30 horas, comezará o xantar de confraternidade. Ás 15:30 horas terá lugar unha sesión musical e de animación. Haberá agasallos, sorteos e, coma en anteriores ocasións, realizarase unha homenaxe ás persoas de maior idade do concello. Está previsto que a festa finalice en torno ás 18:30 horas.

O Concello de Boqueixón porá a disposición dos participantes a posibilidade de trasladalos en autobús ao pavillón polideportivo, iso si, previa reserva. Os prezos para participar nesta actividade son de 10 euros (para persoas de 60 ou máis anos) e 25 euros (para persoas menores de 60 anos). As entradas deberán recollerse no Departamento de Cultura antes do martes 30 de agosto.