Consignáronse 10.000 euros para distribuír entre os colectivos que non dispoñen de convenio nominativo
O Boletín Oficial da Provincia publicou este xoves 25 de agosto a convocatoria de axudas municipais para colaborar con entidades e clubes que traballen no ámbito do deporte e que non teñan suscrito convenio nominativo co Concello. As bases xa saíran no boletín a principios de mes e agora o que se publica é o inicio do período de solicitude, que permanecerá aberto entre o 26 de agosto e o 26 de setembro, ambos días incluídos. O trámite debe facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal. O orzamento co que están dotadas as axudas ascende a 10.000 euros.
As actividades subvencionables serán aquelas que desenvolvan na temporada 2021/2022 as entidades con domicilio social en San Sadurniño. Entre os conceptos financiables están, por exemplo, os gastos de participación en competicións deportivas -fichas, arbitraxes, servizos sanitarios, merca de material, transporte…-, ademais dos gastos ordinarios e de funcionamento. Non se subvencionarán, porén, gastos financieiros, notariais, rexistrais e periciais; tampouco multas, sancións ou recargos nin tributos. A convocatoria tampouco aceptará como subvencionables os gastos en xantares, eventos gastronómicos e similares.
A distribución dos fondos -10.000 euros- farase seguindo os criterios establecidos nas bases, que foron validadas polo Consello de Participación Veciñal antes de ser publicadas. Atendendo a eles, o Concello segmentou as axudas en cinco partidas que se lles asignarán proporcionalmente ás entidades que cumpran os requisitos, dependendo da puntuación alcanzada en cada caso.
De acordo con este sistema, hai previstos 600 euros para distribuír entre entidades que non teñan equipos de deportes olímpicos, outros 4.900 para aquelas que si participen en competicións de deportes olímpicos -segundo o número de licenzas, que valerán o dobre se son femininas-, 500 euros para mantemento de instalacións que se teñan en propiedade ou cedidas, 2.000 euros por número de equipos en cada categoría competitiva e 2.000 euros para distribuir por programa presentado, en base ao importe do orzamento que se propoña na solicitude (ata os 1.000 euros outórganse 0,50 puntos, e o baremo vai incrementándose até os 5 puntos que se poderán obter por orzamentos superiores aos 10.000 euros).
O prazo de solicitude permanecerá aberto entre o 26 de agosto e o 26 de setembro, ambos días incluídos, e toda a tramitación debe facerse a través da Sede Electrónica municipal ou de calquera outro rexistro electrónico admitido na normativa reguladora das relacións entre a cidadanía e as Administracións Públicas.
Igual que ocorre coa convocatoria para Cultura, será o técnico municipal da área quen valore as solicitudes aplicando as fórmulas estipuladas nas bases e logo emitirá informe dirixido á Comisión Cualificadora -formada por representantes dos grupos políticos e persoal muncipal-, quen lle formulará á Xunta de Goberno Local a proposta de concesión das subvencións.
Xustificación das axudas
Desde o momento en que os clubes e entidades reciban a comunicación da concesión xa poderán presentar a xustificación dos gastos subvencionables efectuados. Un trámite que ten de prazo até o próximo 30 de decembro, aínda que cabe a posibilidade de ser ampliado un mes máis por causas debidamente xustificadas, solicitándoo previamente e sempre que o Concello acepte a concesión desa prórroga.
A xustificación debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.
Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria. Cómpre ter moi presente que o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.