Nunha reunión cos traballadores municipais, o alcalde José Luís García explicoulles que o obxectivo final é “que todo funcione mellor e poidamos darlle un mellor servizo aos veciños”
O alcalde de Brión, José Luís García, convoca nos próximos días a Mesa Xeral de Negociación para actualizar o convenio colectivo e a relación de postos de traballo do Concello de Brión. “O noso obxectivo é adecuar a estrutura administrativa do Concello á estrutura política para mellorar o servizo aos cidadáns, actualizar o convenio aos cambios normativos producidos nos últimos anos e mellorar no posible as condicións laborais do persoal”, adiantou o alcalde brionés durante unha reunión celebrada co persoal laboral do Concello no salón de plenos municipal.
Neste primeiro encontro participaron os traballadores do servizo de limpeza, Servizos Sociais, Obras, Gardería Municipal e Servizo de Emerxencias, é dicir, o persoal laboral do Concello de Brión. O próximo martes terá lugar unha segunda reunión na que participará o persoal funcionario.
José Luís García estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Iolanda Bouzas, e por Javier Ferreira, asesor do Concello de Brión en temas laborais. García explicoulles aos traballadores que “só queremos que todo funcione mellor e poidamos darlle un mellor servizo aos veciños”, aínda que puntualizou que as propostas concretas lles serán entregadas aos representantes dos traballadores na Mesa Xeral de Negociación.
Unha mesa na que participarán os cinco membros do Comité de Empresa do Concello de Brión, un delegado do persoal funcionario e os sindicatos máis representativos. O obxectivo é que a negociación poida estar rematada a finais de ano, coincidindo coa aprobación dos Orzamentos para 2016.
Novo convenio
Javier Ferreira explicou que “o convenio colectivo actual ten moitos anos de antigüidade e nos plantexamos adaptalo á nova normativa, incluír as categorías profesionais actuais e que recolla a nova organización política do Concello de Brión, ao tempo que as condicións laborais sexan as mellores posibles”.
Iolanda Bouzas foi a encargada de explicarlles aos traballadores a nova estrutura política do concello de Brión en catro áreas:
– Administración, Economía, Transparencia e Participación Cidadá
– Ordenación do Territorio, Medio Ambiente e Medio Rural
– Política Social
– Benestar e Desenvolvemento Comunitario
As dúas primeiras estarán coordinadas polo alcalde José Luís García e as outras dúas por Iolanda Bouzas.