A Consellaría de Educación confirmou novos recortes educativos para o colexio de Palmeira e o IES Nº1 de Ribeira. Ámbolos dous centros xa viran reducidos os seus medios un ano antes ao se reducir dúas unidades educativas no centro de Palmeira e un recorte de 11 profesores no centro de Ribeira.
Os recortes traduciranse para o colexio de Palmeira no peche dunha unidade educativa e na redución de horas para o profesional de Pedagoxía Terapéutica que terá que ser compartido con dous centros educativos máis. Pola súa banda, o IES Nº1 sufrirá a perda dun profesor, o que implica que en tan só dous cursos verá minguado o seu cadro de persoal en 12 profesores e profesoras. Ademais o centro de educación secundaria precisaría un reforzo de profesionais especialista en atención á diversidade.
Ante esta situación o BNG anunciou que rexistrará iniciativas no Parlamento galego como no Concello e Ribeira para esixirlle ao Goberno galego que rectifique a súa intención de seguir desmantelando o Ensino público galego. Para explicar as iniciativas compareceu a deputada do BNG Rosana Pérez, os concelleiros Luís Pérez e Cruz Rivadulla e a presidenta da ANPA de Palmeira, Paz Gonzalez.
Para Rosana Pérez recriminou que a decisión de aplicar recortes vai prexudicar a atención ao alumnado, sobre todo a aquel que presenta algún tipo de necesidade educativa específica. Segundo a parlamentaria, o alumnado que teña necesidades educativas diagnosticadas non poderá ser atendido como precisa, posto que faltarán profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT). “Non imos consentir que recorten na calidade educativa dos nosos mozos e mozas sabendo que se poden destinar os recursos e persoal suficientes” declarou Pérez Fernández.
Desde o BNG cren que recortar unidades educativas e profesorado especialista está totalmente inxustificado porque masificará aínda máis as aulas, disparará a proporción de alumnado por cada profesor e profesora, diminuirá a calidade educativa e supón unha aberración pedagóxica que prexudicará ao alumnado que precisa máis apoio e atención. Con esta decisión, adoptada en pleno verán para evitar as protestas, a formación nacionalista considera que se bota por terra o traballo realizado polas direccións, polo profesorado e pola comunidade escolar en xeral.
Pérez Fernández esixe a rectificación da Xunta e “cese os ataques ao Ensino público pois, con este tipo de decisións adoptadas de maneira unilateral, deterioran un servizo público esencial para garantir a equidade social e a calidade educativa. Ademais destrúen emprego e provocan distorsións e problemas de funcionamento nos centros ao non se garantir os recursos económicos e de persoal suficientes”.
Acabar con Palmeira
O portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, mostrou a súa preocupación polo que lle sucede á parroquia de Palmeira xa que, segundo di, “estamos vendo como se deteriorou a atención médica coa falta do facultativo, vemos como se pechou a oficina bancaria sen que o goberno local movese un dedo e tanto o ano pasado como este volven pechar aulas e reducir profesorado do colexio. O Partido Popular quere finiquitar os servizos públicos da parroquia de Palmeira”.
Pérez Barral considera que o alcalde non está á altura pois continua máis preocupado en obedecer os ditados do seu partido que en defender a veciñanza. “Ribeira non merece un alcalde que claudica ante os ataques que o Partido Popular, lle está a facer aos servizos públicos. No BNG seguiremos traballando a carón da comunidade escolar para tratar de evitar os recortes e buscar que haxa medios e profesorado suficiente para atender ao alumnado”.
Pola súa banda, a presidenta da ANPA, Paz González destacou que o colexio de Palmeira ten un 25% de alumnado diagnosticado de diferentes trastornos e necesidades educativas así como un número nenos e nenas con trastornos de aprendizaxe. “Sería necesario ter 4 profesionais de pedagoxía terapéutica e 3 de audición e linguaxe se queremos atender só os casos máis graves pero a Consellaría de Educación só nos concede 1 AL e 1 PT compartido con dous centros máis polo que desde a ANPA solicitamos que se reconsideren os recortes e se poñan os profesionais suficientes”.