Saturday 16 de November de 2024

O concello creará un parque de calisetenia xunto ao IES Agra de Leborís


O proxecto, que será adxudicado na Xunta de Goberno de mañá, está valorado en 177.000 euros a financiar integramente con fondos municipais.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá será adxudicada a execución do proxecto de ordenación dos espazos na parte traseira do IES Agra de Leborís, a zona que o Concello está a converter nun espazo deportivo de referencia na capital municipal.

Nos últimos anos neste lugar abriuse unha nova estrada para enlazar a Avenida Manuel Fraga coa Avenida López Astray a través da rúa Maruja Mallo, habilitouse un novo acceso para o transporte escolar do centro de ensino, foron construídas dúas pistas polideportivas descubertas e está en fase de execución o parque de patinaxe Skatepark.

Agora promóvese este novo proxecto para acondicionar e aproveitar a totalidade dos espazos restantes como resultado das obras xa acometidas nese ámbito. Levaranse a cabo tres intervencións diferenciadas.
Por unha banda, completaranse os equipamentos deportivos coa creación dun parque de calistenia que contará co equipamento preciso para poder practicar exercicios físicos que se realizan co propio peso corporal. Tamén será colocado mobiliario urbano.

Outra actuación consiste na ampliación da plataforma da calzada da estrada recentemente construída para aumentar a beirarrúa e habilitar máis prazas de estacionamento de vehículos.
A tercera parte do proxecto é adecuar a esquina situada pola parte posterior do polideportivo do instituto como unha ampla zona verde axardinada.

O proxecto presenta un orzamento total de 177.000 euros e será financiado integramente con fondos propios municipais.