Friday 22 de November de 2024

O programa municipal Miúdo verán remata este xoves co espectáculo de circo “Ikigai”


Neda despide mañá xoves o programa de lecer en familia “Miúdo verán”. E faino cun espectáculo ao aire libre, que mestura danza e circo. Trátase de “Ikigai”, unha proposta que gañou o Premio do Público no Festiclown 2020.

O zona de Subarreiros será o espazo no que a compañía SU.MA. porá en escena, a partir das 20 horas, este show de rúa, no que o xogo, a imaxinación, as acrobacias aéreas e o bel canto, sempre en clave de clown, son ingredientes fundamentais. En caso de caso de chuvia, trasladarase á pista polideportiva do Roxal.

“Ikigai”, creada e protagonizada por Sue Moreno e María Move, parte dunha visita inesperada que acaba coa apracible vida dunha das protagonistas, mostrando que non todo acabe sendo como o planificamos. Trátase pois dun espectáculo sobre a superación persoal e o sentido da vida, que leva en xira dende a súa estrea, fai algo máis de dous anos.

O programa municipal “Miúdo verán” conta co patrocinio de Cultura No Camiño, do proxecto Ler Conta Moito e da Rede Cultural da Deputación.