Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño leva a pleno este mércores a adaptación da EIM A Rolada á nova Orde de gratuidade das escolas infantís publicada pola Xunta a principios de mes


Para as 19:00h deste mércores 24 de agosto está convocada unha sesión extraordinaria do pleno municipal que abordará como únicos temas a modificación do regulamento de funcionamento e da ordenanza fiscal da EIM A Rolada de cara a adaptar ambos documentos á nova orde de gratuidade das escolas infantís publicada pola Xunta de Galicia. Nela establécese o método de financiamento para os concellos que coma o noso teñen escola propia, que tamén deberán axeitarse ao decreto regulador dos prezos dos centros infantís dependentes da Consellaría de Política Social e Xuventude. Para as persoas usuarias haberá varios cambios, entre eles a obriga de elixir xornada completa ou media xornada -as horas complementarias serán excepcionais-, a de que as nenas e nenos collan vacacións por meses ou quincenas completas entre setembro e agosto do ano seguinte e o feito de que no caso de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles, a súa asignación farase outorgándolle máis puntuación ás familias con menos ingresos. En calquera caso, as criaturas que teñen praza adxudicada para o curso 2022-23 iniciarán curso a primeiros de setembro tal e como estaba previsto, coa principal novidade de que as súas familias non terán que pagar nada pola matrícula nin pola atención educativa.

A Orde autonómica establece tanto a gratuidade para as familias como a maneira en que se vai compensar aos concellos polo que deixarán de ingresar para o sostemento deste servizo educativo e de conciliación. Neste sentido, a Xunta concederá 7.000 euros fixos por cada unidade para gastos de mantemento -21.000 euros en total no caso de San Sadurniño- e despois financiará o 100% do prezo da matrícula e da atención educativa en virtude de oito tramos de renda das familias usuarias, tomando como referencia o decreto regulador das escolas autonómicas de 2012, cuxos prezos levan sen actualizarse desde 2017. Para o Concello este será un dos principais cambios, xa que ata agora o servizo financiábase con prezos fixos independentes dos ingresos familiares e agora deberá modificarse a ordenanza para axeitala aos criterios establecidos pola Xunta.

Isto último enténdese mellor cun exemplo. O prezo mensual dunha xornada completa na EIM A Rolada foi este ano de 220,73€ xa co IPC actualizado, de acordo co plan de viabilidade e sostenibilidade elaborado polo Concello para cubrir os custes de funcionamento do servizo. Porén, co modelo financieiro da gratuidade, a Xunta só achegaría 169,26 euros no caso das prazas para as rendas máis altas, de maneira que habería unha diferenza duns 50€ que tería que ser asumida directamente polo Concello. Nos tramos de rendas inferiores a diferenza entre custes reais e subvención autonómica sería aínda máis avultada. Ademais, os prezos do servizo de comedor estarán fixados pola Xunta en 74,05€ segundo os prezos conxelados desde 2017, o que veñen sendo 15€ por debaixo do reflectido na ordenanza do Concello, que tamén deberán ser custeados con fondos municipais.

“A gratuidade é un avance importante que beneficiará ás familias. Pero en canto ao financiamento, a Xunta está creando un sistema de copagamento entre ela e os concellos que no noso caso non cubre os custes reais. A diferencia entre a achega autonómica e o que custa manter a escola teremos que pagala con fondos municipais”, explica Secundino García.

O alcalde lamenta que desde o Goberno galego “non se tivesen en conta especificidades coma a nosa” e critica a “présa e a improvisación” coa que se anunciou a gratuidade. “A Xunta primeiro fixo público que as escolas serían de balde e despois púxose a pensar como facelo, o que nos obriga agora a modificar a ordenanza e o regulamento que xa tiñamos. Non é de recibo que a Orde autonómica se publicase a primeiros de agosto, sabendo que o curso comeza en setembro e que unha adaptación deste tipo non é algo que se poida facer en dous días, e menos sen saber oficialmente a que aterse. Porque, esa é outra, tampouco dispoñemos aínda o regulamento tipo que a Xunta se comprometeu a elaborar e que nos evitaría ter que volver a pleno dentro dun tempo para aprobar un novo documento adaptado á Orde. Para a modificación do regulamento e da ordenanza só obtivemos directrices e información que nos foron facilitando a Dirección Xeral de Familia e o Servizo de Inspección de familia e menores da Xunta, a maior parte das veces porque llela fomos solicitando, non porque nola enviasen para saber como adaptarnos”.

Alén de que o servizo sexa de balde, a aplicación do decreto de gratuidade suporá cambios substanciais no funcionamento do centro. Os máis reseñables son que a Xunta subvencionará a atención educativa durante 11 meses, incluído agosto, e que a elección do período de vacacións deberá facerse por mes natural, mes enteiro ou repartidas en dúas quincenas do 1 ao 15 ou do 16 ao 31 do mes elixido. Tamén mudan as xornadas, podéndose elixir entre completa e media e limitando neste último caso as horas complementarias, con carácter excepcional, a un máximo de unha hora na media xornada de mañá ata un tope de catro días por mes natural.

Outro cambio é que o servizo de comedor -comidas servidas polo centro, que non entran na gratuidade da Xunta- será obrigatorio nas aulas de 1-2 e 2-3 anos, mentres que a opción do servizo de cociña -quentar e darlle ás crianzas a comida que traen da casa- quedará limitada á unidade de 0 a 1 e totalmente de balde.

Por último, entre os cambios destacados, atopamos o da variación dos criterios de admisión, no que agora entra en xogo o indicador da renda familiar (o IPREM), que puntuará máis na obtención de praza a aquelas familias con rendas máis baixas. Trátase dunha modificación que ata agora tivo escasa incidencia na cobertura das 38 prazas dispoñibles, dado que desde a apertura do centro case sempre se iniciou o curso con vacantes en todas as aulas.

22 nenas e nenos comezarán curso o 7 de setembro
Os cambios na baremación das admisións -que só se aplicarán no caso de que haxa máis solicitudes que prazas- aplicaranse unha vez que o regulamento modificado estea aprobado polo pleno e entre en vigor, de maneira que non lle afectará ao alumnado do curso 2022-23 que xa ten praza asignada.

As familias están convocadas a unha xuntanza que terá lugar no salón de plenos o luns 5 de setembro ás 19:00h para explicarlles como vai desenvolverse o curso e repasar as novidades introducidas pola Orde de gratuidade da Xunta. Para o curso que empeza houbo 22 solicitudes admitidas: 1 na unidade de 0-1, 10 na unidade de 1-2 e 11 na unidade de 2 a 3 anos, de modo que A Rolada aínda dispón de 16 prazas libres nas tres unidades.

O día 6 de setembro manteranse entrevistas individuais coas familias para coñecer as necesidades específicas de cada meniña ou meniño e o mércores 7 de setembro arrancará o período de adaptación.