Thursday 21 de November de 2024

Aprobado polo pleno a modificación do convenio con Augas de Galicia para a construción de novo depósito


Tamén se aprobaron a modificación das bases do orzamento para incrementar as subvencións ás Comisións de Festas e foron fixados os festivos locais de 2023.

Os tres asuntos que conformaban a Orde do Día do Pleno extraordinario celebrado hoxe foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais.

A cuestión máis destacada foi a modificación do convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para a construción do novo depósito de cabeceira no lugar das Camposas (parroquia de Golmar) e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións desde a captación en Gabenlle. Dito cambio está motivado polas melloras incorporadas ao proxecto, que tamén supuxeron adaptacións do orzamento (pasa a ser de preto de 2,1 millóns de euros) e dos prazos de execución.

A achega do Concello, que ascende a 370.000 euros, estaba consignada nos presupostos municipais de 2022, pero finalmente deberase retrasar ao próximo exercicio xa que agora a previsión é rematar as obras en 2023. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou no Pleno que esta circunstancia implicará “que se xere un crédito extraordinario a finais deste ano” que se poderá investir noutras iniciativas de interese xeral.

Por outra banda, aprobouse a modificación nas bases de execución do orzamento necesaria para poder incrementar a achega económica das subvencións nominativas ás Comisións de Festas das parroquias cos 13.000 euros concedidos ao Concello pola Deputación da Coruña no marco do plan de reactivación económica, promoción e mantemento do emprego no sector empresarial das orquestras e verbenas. As Comisións de Festas poderanse beneficiar desta liña de axudas só no caso de que as orquestras contratadas cumpran os requisitos estipulados pola Deputación da Coruña.

Salientar tamén que foron fixados como festivos locais para o ano 2023 o 21 de febreiro (Martes de Entroido) e o 8 de setembro (Romaría dos Milagres de Caión).