A competición realizarase nas inmediacións do Mourón polas condicións da Ría de Ares
Esta fin de semana, 27 e 28 de agosto, celebrarase a I Regata Praia da Madalena para catamaráns do Concello de Cabanas. Será a primeira regata de vela lixeira organizada polo Concello de Cabanas e o recentemente fundado Club Náutico Cabanas.
A regata conta xa coa asistencia confirmada de 10 catamaráns do “Club de Vela Playa de Oza”, que se sumarán aos moitos catamaráns que navegan no entorno do concello, facendo unha frota numerosa. O Club Náutico Cabanas estará representado por tres tripulacións, dúas delas competindo en F18 e outra en Clase A.
Nesta regata competirase en Interseries para poder medirse no mesmo campo de regatas aos Clase A, F18, Hobie 16, F16 e todos os modelos de catamarán que navegan na nosa ría. As probas serán do tipo Barlovento – Sotavento, cun campo de regatas situado nas inmediacións do Mourón, onde a Ría de Ares faise máis ancha e permite a organización deste tipo de probas sen ningún condicionante de espazo.
Haberá unha clasificación absoluta con premio á primeira tripulación mixta, así como á primeira tripulación xuvenil. A entrega de trofeos está prevista para o domingo ás 18.00h nas instalacións do Club, contiguas á Praia da Madalena.