• Demandan información clara do período da bolsa de emprego de auxiliar da radio nas bases reguladoras.
• Advirten de problemas no procedemento de contratación do auxiliar da radio.
• Demandan un investimento e potenciación da emisora local.
Cando están a piques de cumprise os 27 anos da primeira emisión de Radio Arzúa, o 16 de setembro de 1995, a emisora municipal pecha dende este luns 22 ata o 14 de setembro, por mala xestión do goberno AxA-PSdeG en canto á organización das vacacións e da contratación temporal dun auxiliar para cubrir as do persoal fixo.
O Partido Popular de Arzúa non entende que dende 2019 as bases reguladoras non especifiquen o período de emprego, habitualmente de dous meses e medio, e que este ano, extraoficialmente sería dun mes, que consideramos insuficiente para cubrir as vacacións das dúas persoas encargadas da radio.
Para o voceiro popular, Rafael Rivadulla, “a caída continua de interesados na bolsa de emprego dende os dezasete de 2016 ós tres de 2022 é síntoma do abandono da radio polo goberno local”. Engade que “o alcalde non a dotou á radio de maior investimento nin contido dende que goberna, e prometera unha radio libre, obxectiva, integradora, plural e democrática, pero a oposición non podemos participar, cousa que el si”.
O PP de Arzúa xa ten demandado un maior investimento e potenciación da emisora local, que debería achegarse á xuventude de Arzúa, así como ás escolas e universidades onde se imparten cursos relacionados, para garantir unha continuidade e crecemento de persoal.
Advertimos que á persoa designada para o posto da bolsa de emprego de auxiliar de radio non se lle informou do período de traballo, atopándose posteriormente que tan só traballaría tres semanas entre setembro e outubro, cando os traballadores fixos xa non estarían de vacacións, e lonxe dos dous meses e medio habituais desta bolsa.
Dende o PP de Arzúa estamos á espera de coñecer máis detalles para iniciar accións oportunas na defensa deste traballador.